Falamos con clientes de R que participan no proxecto BATS

proxecto bats r - 1

R é unha das empresas que están a participar no BATS Project, unha iniciativa que se desenvolve a nível europeo coa que se pretenden mellorar as conexións do rural aunando diversas tecnoloxías, como as conexións ADSL, móbiles e satélite, na liña de chegar ao obxectivo de que todo cidadán da UE teña acceso a cando menos 30 Mbps aló polo 2020.

Hai preto dun ano, a operadora galega iniciou un proceso de selección de betatesters entre as súas clientas; buscaban persoas con acceso indirecto (conexións ADSL que R comercializa a través da infraestrutura de Movistar onde non chega coa súa rede de fibra óptica) con velocidades máximas de descarga inferiores aos 4 Mbps dispostas a probar todo o sistema BATS. Estas probas permítenlles comprobar o correcto funcionamento desta tecnoloxía para avaliar a posibilidade de introducila como unha opción máis neses lugares nos que non se chegou (e na meirande parte deles, por desgraza, non se chegará)  coas redes de fibra.

O perfil da xente que está a probar este servizo en diferentes concellos de Galiza é semellante: persoas que viven ou traballan en zonas rurais nas que a ausencia de conexións de fibra óptica obriga a ter contratados servizos ADSL de baixa velocidade, que nalgúns casos vense agravados por problemas de ruído na liña, provocando desconexións que imposibilitan facer un uso normal de Internet. Nesta situación calquera mellora, por mínima que sexa, é ben recibida.

proxecto bats r - 2

A combinación de diferentes tecnoloxías de conexión do proxecto BATS fixo que R tivese que facer instalacións nas vivendas dos seus clientes, un proceso que se desenvolveu en dúas fases; na primeira deixouse instalada unha antena parabólica para a conexión satélite, un proceso de arredor de 3 horas no que tamén se colocou un módem adicional para a xestión da propia antena. Na segunda visita do servizo técnico de R instalouse un concentrador e un router 3G, ademais de configurar todo o sistema para o correcto funcionamento. Cómpre destacar que tras cada unha das visitas do persoal de R ás casas dos clientes o sistema quedou funcionando.

Con todo o sistema BATS funcionando, as melloras foron significativas, nalgúns casos chegando a cuadriplicar a velocidade de conexión. Falamos duns 10/1 Mbps, que se ben distan moito dos 200/20 Mbps da oferta de fibra do operador galego, supoñen un avance significativo para que tiña conexións que nalgún caso non pasaba dos 2/0,3 Mbps. Estas novas velocidades, xunto á estabilidade que destacan os betatesters consultados, permítenlles agora sacar partido ás súas conexións, traballar na nube e ver películas en streaming sen cortes.

A pesares de ser un servizo en probas semella que non está a haber moitos problemas coas novas conexións, a lo menos desde o punto de vista dos usuarios. Nalgún momento algún deles sufriu unha baixada puntual de velocidade de descarga ou latencias elevadas coa conexión satélite, isto último solucionado co concentrador instalado na segunda visita.

Durante as probas tampouco se están a poñer límites á conexión, é dicir, ao volume de datos que os usuarios poden consumir por algunha das vías que emprega BATS (ADSL, satélite, móbil), aínda que isto podería mudar á hora de que R elabore unha oferta comercial, se decide facela logo do período de probas.

Estamos pois ante unha solución que parece estar a dar resultados para mellorar a conexión de moitas galegas, e que mesmo podería avanzar máis conforme se amplía a cobertura 4G a novas áreas. En calquera caso, calquera oferta comercial deberá ser digna e non facer que a (polo de agora) insalvábel gran fenda dixital sexa tamén unha fenda económica ou pór límites de navegación que impidan un uso normal da Internet.

Sobre o autor

2 Comments

  1. Rubenix 14 Setembro, 2015 Responder
    • Iago Varela Martínez 14 Setembro, 2015 Responder

Reply