Analizamos o Moto G (2015)

mogo g 3 - 1

Cando a Motorola en mans de Google anunciou o Moto G supuxo un punto de inflexión nos gama media Android, que fixo que moita xente o levase a considerar un Nexus de entrada: un trebello cunha versión stock de Android (parafraseando a Rajoy, salvo alguna cosa) e unha boa simbiose entre hardware e software. As seguintes versións do trebello, Moto G (2014) e Moto G (2015) aspiraron a seguir a mesma senda, mais o mercado actual é agora ben diferente e inclúe a novos xogadores que compiten na mesma gama, como a española bq, que se fixo forte no último ano e medio, e as múltiples marcas chinesas que obrigan á Motorola actual (a.k.a. a Lenovo Company) a diferenciarse.

Vimos de probar o Moto G (2015), unha das últimas creacións desta nova Motorola e un trebello que se sitúa a medio camiño entre os terminais de referencia da compañía (os Moto X) e a gama básica de entrada (Moto E). Estas son as nosas conclusións.

Deseño, acabado e conexións

Visto de fronte o novo Moto G non reviste moitos cambios fronte a versión anterior, aínda que a cousa cambia cando o vemos desde calquera outro ángulo ou cando o collemos na man; nese momento decatámonos de que temos con nós un terminal pesado e groso, moi groso, que para máis inri ten unha curvatura que aumente esa sensación.

No lateral dereito sitúanse os botóns de acendido e controis de volume, mentres que o microUSB está na parte inferior e o jack 3.5 na superior. A parte traseira ten (novamente) o logo de Motorola lixeiramente afundido, algo que simula un botón, e que ben podería ter sido un lector de pegadas dixitais. Mais non, non ten utilidade real máis aló do disfrute que nos poida proporcionar pór o dedo nel á hora de agarrar o trebello coa man.

mogo g 3 - 2

Os acabados son en plástico, cunha tapa traseira que destaca pola presenza dunhas liñas en diagonal que resultan certamente atractivas e ser desmontábel, aínda que unicamente para poñerlle a microSD ou a tarxeta SIM. Isto resulta bastante incongruente, se temos en conta que o terminal é sumerxíbel pero que debemos coidar de que quede ben selado cando o abrimos.

Pantalla

A pantalla é dos elementos que menos cambios sufriu, manténdose nas mesmas 5 polgadas e resolución de 720 píxeles (294 ppp) que a versión do 2014. O que si cambia é o brillo, acadando os 449 nits (390 no anterior), que se traducen nunha mellor experiencia cando empregamos o terminal no exterior, onde o podemos usar sen problemas.

Quizais era o momento de que Motorola tivese apostado por un salto en resolución para facer un terminal máis atractivo, aínda que estamos certos de que foi a aposta por manterse cunha política de prezos semellante a que os levou a non facelo agora.

Sistema operativo

Motorola segue crendo que Android stock é o que mellor funciona nos seus trebellos, e unha vez máis temos Android limpo, concretamente a versión 5.1.1 (Lollipop), que será actualizado a novas versións.

O que si fixeron foi introducir aplicacións propias como unha radio FM, un asistente de migración e unha mellora do asistente Moto que permite automatizar o funcionamento do móbil, por exemplo seleccionar que notificacións queremos recibir a unha hora determinada do día. Tamén temos Active Display, que xa coñeciamos dos Moto X, que activa a pantalla cando collemos o terminal coa man.

Cámara

O aspecto fotográfico non é o máis destacado do terminal, cuxa evolución non é máis ca a lóxica actualización de hardware das compoñentes empregadas. A cámara principal é de 13 megapíxeles con flash LED dual, mentres que a frontal fica nos 5 megapíxeles.

Dúas lentes que nos ofrecen uns resultados satisfactorios, sen máis. As principais melloras neste aspecto atopámolas na velocidade de enfoque e disparo e na posibilidade de activación mediante un xiro rápido do noso pulso.

No noso perfil de Flickr podes atopar unha pequena galería de imaxes tomadas con este terminal.

moto g 2015 - galeria

Batería

A batería sube 400 mAh até os 2470 mAh, unha mellora necesaria e que se traduce en máis autonomía real para os días de uso intenso; ten lóxica, a suma de máis mAh e compoñentes máis eficientes deu resultados.

Conclusións

Novamente o Moto G é un terminal bo, bonito e barato que nos ofrece unha relacion hardware – software máis ca aceptábel. O seu procesador, un Qualcomm Snapdragon 410, está acompañado de 1 GB de RAM + 8 GB de memoria interna ou 2 GB de RAM + 16 GB de memoria interna, segundo configuracións. A primeira destas opcións seméllanos demasiado básica, non polo GB de RAM, que abonda para que funcione ben, senón polos 8 GB de memoria, escasos para as necesidades actuais.

Gustounos que os modelos veñan xa de entrada con conectividade 4G-LTE, algo imprecindíbel a día de hoxe. Pola contra, isto fai que por vez primeira os prezos sexan superiores: 199 € o modelo básico e 229 € o de 16 GB

Sobre o autor

Reply