O LG V10 déixase ver con claridade antes da súa presentación

lg v10 - 1

Hai uns días LG enviou os convites para un evento previsto para o primeiro de outubro, unha data na que previsibelmente darán a coñecer o novo LG V10, un terminal que destaca por dispór dunha segunda pantalla frontal.

Agora este trebello, que algunhas fontes dan en chamar LG G4 Pro, déixase ver de fronte en todo o seu explendor, aínda que seguimos sen ter moita información do uso que lle poderemos dar a ese panel secundario, máis aló de servir como acceso rápido a algunhas apps.

lg v10 - 2

En canto ás súas especificacións, podemos ver que son bastante semellantes ás do LG G4, aínda que con algúns cambios. A pantalla será de 5,7 polgadas e calidade QHD e no seu interior atopamos un procesador un Qualcomm Snapdragon 808, 3 GB de RAM e 64 GB de memoria interna ampliábeis por microSD. A cámara será de 16 megapíxeles, previsibelmente coas mesmas opcións de enfocado manual do G4.

Teremos que agardar uns días para sabérmolo todo sobre o novo trebello, pero unha vez máis parece que LG quere apostar por achegar un produto innovador. Veremos como se traduce á hora de comercializalo.

Deixa un Comentario