Analizamos o BQ Ubuntu Phone

bq ubuntu phone - 1

Tras ter cacharreado un pouco con el durante o MWC, tiñamos ganas de probar a fondo o bq Ubuntu Phone, un dos primeiros teléfonos comerciais que levan o sistema operativo libre Ubuntu. Supón un cambio de concepto importante se estamos feitos a sistemas operativos como Android, iOS ou Windows, pero a súa usabilidade non é complicada. Vexámolo máis polo miúdo.

Hardware e deseño

O teléfono é unha versión derivada do Aquaris E4.5, polo que comparate o seu hardware: pantalla IPS de 4,5 polgadas con resolución 540 x 960 píxeles (240 ppp), procesador quadcore Cortex A7 a 1,3 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 32 GB, cámaras de 8 e 5  megapíxeles, batería de 2150 mAh e dobre ranura para SIM.

bq ubuntu phone - 2

En canto a deseño, estamos ante un terminal de acabado traseiro en plástico e ese salto lateral que parece que incrusta a pantalla nel, típica de bq. No lateral dereito ten os 3 botóns (acendido e subir/baixar volume), no esquerdo as dúas bandexas para as tarxetas SIM, no superior o jack 3.5 e o espazo para a microSD e, finalmente, na parte inferior o microUSB.

Software e experiencia de uso

Centrémonos no realmente interesante desta análise: a experencia de uso. E para comezar debemos esquecernos da navegación a través de botóns, do ‘atrás’ ou ‘home’, e pensar nos xestos, que basicamente será o que nos permita movernos dun lado a outro.

ubuntu captura - 1

Distinguimos 3 xestos fundamentais:

  • Desprazando o dedo desde o lateral esquerdo apareceranos a típica barra de Ubuntu. Nela estarán, dunha banda as apps que teñamos abertas e, por outro lado, as que teñamos postas de por si. Tamén temos
  • Desprazando de arriba – abixo: desprégase a barra de notificacións, que tamén será menú de diferentes parámetros básicos e, no caso de que esteamos nunha app concreta, o menú da propia app.
  • Desprazando desde o lateral dereito: créase un abano coas aplicacións que teñamos abertas.

ubuntu captura - 3

Con estes tres xestos seremos quen de facer practicamente todas as cousas co teléfono. Ao comezo fíxosenos un tanto estrano polo cambio conceptual, pero o certo é que a velocidade co que manexa esta multitarefa fai que sexa doado e pouco traumático o cambio.

Doutra banda temos que falar dos scopes, que por buscarlle un parecido poderíamos dicir que son ‘tarxetas’ nas que se agrupan aplicacións e información sobre unha temática. Podemos ter un scope de novas, outro do día ou o caixón de aplicacións.

ubuntu captura - 2

Se pasamos a falar das aplicacións aí é onde atopamos as maiores eivas do teléfono Ubuntu, pois pouca cousa hai. Nin sequera Gmail ou Twitter, que veñen preinstaladas, son apps nativas, senón simples iconos de acceso á versión web, que se ben é certo que, caso de Twitter, mellorou sensibelmente nos últimos tempos, non están á altura das necesidades actuais. Na tenda de aplicacións aínda non se atopa moita variedade, e basicamente o que hai son outras webapps como as citadas anteriormente.

ubuntu captura - 4

Tamén dispón de terminal, aínda que non tan completa como a de Ubuntu “tradicional”, e tamén debemos ser coidadosos e estar seguros de que sabemos o que estamos facendo para non cargarnos nada, algo que poderemos facer ao ter acceso a todo.

Conclusións

A principal conclusión sobre o trebello é que non se trata dun smartphone para o gran público, senón que é un primeiro paso para achegarnos ao mundo Ubuntu. No noso caso non nos serviu como smartphone principal, debido á forte dependencia das ferramentas de comunicación instantánea e redes sociais, cuxa experiencia queda bastante por detrás.

bq ubuntu phone - 3

Con todo, hai que recoñecer que o sistema está moi ben integrado co hardware do teléfono e móvese de marabilla, sen lagueo algún. A interacción con xestos pareceunos moi interesante e a estética diferente e o xeito de organizar as cousas agradable.

Pódese mercar por 169,90 € na web de bq

No Responses

Deixa un Comentario