Agur R: Euskaltel conclúe a compra de R por 1190 millóns de euros

r cable a grela

Xa non hai medias tintas, a operación está pechada: tras varios meses de auditoría, Euskaltel vén de concluír a compra de R Cable y Telecomunicaciones Galicia (ou simplemente, R).

A compañía éuskara xa enviou á Comisión Nacional do Mercado de Valores a documentación na que informa do peche da compra, ademais de indicar que financiará a operación a través da ampliación das súas liñas de financiación existentes por 600 millóns de euros, a contratación dun tramo de débeda institucional de 300 millóns de euros (e asegurado por até catro entidades financieiras), a emisión de novas accións e fondos dispoñíbeis en efectivo.

O contrato foi asinado onte e nel establécese que Euskaltel faise co 100% do capital da sociedade Rede Brigantium S.L., a sociedade titular adas accións representativas do 70% de capital de R, e Abanca, dona do 30% restante.

O prezo final foi de 1.190 millóns de euros, nos que se inclúen 300 millóns de euros de débede estimada de R a 30 de setembro, que Euskaltel pretende refinanciar. Por outra banda, Abanca xa amosou a súa vontade de adquirir unha parte das novas accións que poña á venda Euskaltel nunha cantidade próxima aos 81 millóns de euros.

Queda para nós saber o máis importante da operación: que vai pasar coas duplicidades e a capacidade de decisión, factores que seguramente causarán unha importante reducción dos postos de emprego, non tanto directos, senón indirectos, así como na inversión en empresas do país, un dos maiores selos de identidade de R. Até o de agora.

 Vía

No Responses

Deixa un Comentario