Yoigo aspira a dar rede a Telecable

telecable

Seguro que moitas lembrades o culebrón entre Pepephone, Yoigo, Vodafone e Movistar. Para quen non, faremos un resumo rápido:

  • Pepephone empregaba a rede de Vodafone para dar servizo de móbil.
  • Pepephone quería dar cobertura 4G aos seus clientes, pero ante a negativa de Vodafone a darlle acceso a esta tecnoloxía, chegou a un acordo con Yoigo para empregar a súa rede.
  • Yoigo tiña (e ten) un acordo con Movistar para empregar a rede desta última onde non chega coa súa propia cobertura, polo que Movistar impediu a Yoigo subalugar a rede a Pepephone.
  • Pepephone chegou a un acordo directamente con Movistar para dar servizo aos seus clientes.

A día de hoxe non habería problema en que Yoigo chegase a ese acordo con Pepephone, pois o pasado mes de xullo a CMNV eliminou, por abusivas, as cláusulas que impedían a Yoigo ser maiorista e revender a terceiras empresas a rede que ten contratada a Movistar.

Por iso, a filial de Telia Sonera quere iniciar unha nova etapa comercial e converterse en proveedor de rede de distintos OMV. Neste novo escenario, todo apunta a que a operadora asturiana Telecable podería ser a primeira gran cliente, algo co que se especula desde hai tempo, sobre todo ante a negativa de Vodafone a cederlle o acceso ás redes 4G, o mesmo que lle acontece a R.

Telecable remata en decembro o contrato que o une a Vodafone, polo que parece un bo momento para renegociar as condicións co operador británico ou escoitar as ofertas que lle poidan facer Yoigo, Movistar ou Orange. E semella que o acceso ao 4G vai ser unha das condicións innegociables sobre a mesa.

Cómpre sinalar que para os operadores con rede resulta moi positivo ser host de operadores virtuais, xa que lles reporta un importante beneficio económico.

Deixa un Comentario