Novos SPC Smartee Watch Edition e Smartee Watch Slim

Non só os grandes fabricantes están a pensar en reloxos e outros dispositivos para levarmos no pulso, e boa mostra dilo é o anuncio de SPC, unha pequena compañía que vén de dar a coñecer dous reloxos intelixentes, o Smartee Watch Edition e o Smartee Watch Slim, pensados para complementar o noso smartphone.

Ambos dispositivos son compatíbeis cos teléfonos Android e iOS, sincronizándose a través de Bluetooth para poder así visualizar neles as notificacións de diferentes aplicacións, entre elas WhatsApp, SMS e o correo electrónico.

spc smarteee - 1

Como vén sendo habitual neste tipo de trebellos, dispoñen de sensores que permiten controlar tanto o número de horas que durmimos como a calidade do sono; así mesmo, inclúen podómetro, altímetro, cronómetro, termómetro e barómetro e ofrecen a posibilidade de disparar en remoto a cámara do noso teléfono.

As diferenzas entre eles son basicamente de deseño, sendo o Watch Edition o que ten un aspecto máis elegante, podendo atopalo en ouro ou platino por 89 €, mentres que o Watch Slim permite adaptar a caixa a diferentes (e coloridas) pulseiras intercambiábeis e custa  99 €, aos que hai que sumar o prezo das pulseiras de ogma (14,90 €) ou de pel (19,90 €) que desexemos.

spc smarteee - 2

Son polo tanto dúas novas opcións que se suman ás múltiples posibilidades dos reloxos intelixentes, aínda que cun sistema operativo privativo que non vai ter moito percorrido, algo que tamén debemos ter en conta.

No Responses

Deixa un Comentario