Novo Wiko Pulp Fab con pantalla de 5,5 polgadas

Wiko anuncia novo smartphone, o Wiko Pulp Fab, un dispositivo no que a marca aposta pola autonomía, prometendo até 408 horas en repouso, e a pantalla, cun panel de 5,5 polgadas Full Lamination de alto brillo (500 nits) e protección Corning Gorilla Glass 3.

No interior do trebello atopamos un procesador octa-core a 1,4 GHz, acompañado por 2 GB de memoria RAM e 16 GB de interna, que poderemos ampliar mediante tarxetas microSD de até 64 GB. A súa batería é de 2820 mAh.

Wiko Pulp Fab - 1

No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 13 megapíxeles con flash LED e unha frontal de 5 megapíxeles. Ademais, na aplicación de cámara disporemos de diversos modos que nos permitirán sacarlle todo o partido ás mesmas, como o selfie panorámico, un modo beauty, HDR ou o modo profesional, co que poderemos axustar manualmente todos os parámetros.

Estará dispoñíbel a partir do 23 de outubro por 189 € en dous acabados, branco e negro, en ambos casos con efecto pel na parte traseira.

Deixa un Comentario