Analizamos a tablet Innjoo F2

Logo de termos probado o smartphone Innjoo One dispoñémonos a analizar unha tablet da compañía, a Innjoo F2, un dispositivo de gama media con conectividade 3G.

Deseño, acabado e conexións

Ao igual ca o smartphone, a F2 aposta polo deseño e os acabados, aínda que neste caso se trate só dunha simulación e non de algo “real”: a parte traseira está cuberta de plástico que simula o coiro, algo que pretende parecerse á saga Note de Samsung do ano pasado, aínda que nese caso o tacto era moito máis realista e aquí Innjoo non o consegue. Con todo, visualmente resulta moito máis atractiva á vista.

innjoo f2 - 2

En canto a deseño, temos uns marcos bastante xenerosos en todos os perfís, máis amplos nas partes superior e inferior do dispositivo. Os botóns sitúanse todos no lateral dereito, e o punto de carga (microUSB) e o jack 3.5 de audio na parte superior. Na capa traseira temos a cámara co seu flash LED e, desmontando unha peza, as ranuras das dúas tarxetas microSIM e a tarxeta microSD.

Pantalla

A pantalla é de 10.1 polgadas, cunha resolución de 1024 x 600 píxeles, moi xusta para as necesidades de consumo actuais. Ademais non dispón de sistema de protección que a protexa das pequenas rabuñadas que se producen co uso cotiá, polo que se desgasta con facilidade. Así mesmo, tampouco ofrece unha sensación de deslizamento efectiva, achegando unha sensación de “retraso” con respecto ás nosas actividades.

innjoo f2 - 1

O único punto positivo da pantalla é o brillo, que se adapta ás diferentes iluminacións dos lugares nos que poidamos traballar, o que fai que sexa un dispositivo que podemos empregar ao aire libre.

Sistema operativo

Ao igual que lle acontecía ao Innjoo One, a tablet F2 vén con Android 4.4 KitKat, aínda que neste caso o máis seguro é que non vaia ser actualizada a novas versións de Android.

Desta vez a compañía prescindiu de capas de personalización, unha decisión acertada desde o noso punto de vista, xa que favorece que  o dispositivo vaia bastante fluído, dado que non é un trebello demasiado potente.

Cámara

Conta con dúas cámaras, unha frontal de 0,3 megapíxeles e unha traseira de 2 megapíxeles, acompañada polo seu flash LED. A presenza de ambas as dúas é anecdótica, pois a calidade é xusta, aínda que para o seu uso en videochamadas resultan máis ca suficiente.

Batería

A batería é de 4500 mAh, e durante o tempo que a estivemos probando chegamos ao par de días de uso mixto (combinando navegación, visualizado de series, redes sociais…) empregando a conectividade WiFi. Coas probas con tarxeta SIM conseguimos unha autonomía algo inferior, de pouco máis dun día, que tampouco está nada mal.

Conclusións

A Innjoo F2 é un dispositivo de gama media que conta cun procesador dual core a 1,3 GHz, 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 32 GB.

Pode ser unha opción a considerar por un público pouco iniciado que queira facer un consumo pasivo de datos coa tablet, pero dificilmente poderá servirnos para producir ou traballar, pois non é a quen vai dirixido. O seu punto forte son as opcións de conectividade que ofrece, podendo ser usada con conectividade móbil, e o seu punto máis feble a calidade da súa pantalla.

Pódese mercar na tenda en liña da compañía.

Deixa un Comentario