HTC anuncia o One A9

HTC vén de anunciar novo terminal, o HTC One A9, un trebello que xa fora practicamente desvelado hai apenas cinco días e que supón a última esperanza da compañía para tratar de remontar as preocupantes cifras de venda que vén colleitando nos últimos tempos.

htc one a9 - 4

Cun deseño claramente inspirado no iPhone de Apple, o novo HTC reduce o grosor dos predecesores e mantense nas 5 polgadas de pantalla, un tamaño a medio camiño entre as usuarias que demandan terminais moi grandes e os que prefiren algo máis axustado ás mans.

As especificacións que integran son dun gama media premium. A súa pantalla é un panel AMOLED de 5 polgadas con resolución Full HD e protección Gorilla Glass; no interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 617, acompañado de 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis con microSD de até 2 TB.

htc one a9 - 2

No apartado fotográfico temos unha cámara principal de 13 megapíxeles con estabilizador óptico de imaxe e sensor de iluminación BSI. Na frontal apostan novamente polos 4 ultrapíxeles, unha tecnoloxía que levan empregando desde o primeiro One, lembremos que primeiramente na cámara principal e ultimamente na secundaria.

A batería é de 2150 mAh. Numericamente seméllanos algo escasa, aínda que habería que probalo para ver como se comporta. Iso si, dispón de carga ultrarrápida. Así mesmo, o HTC One A9 incorpora un lector de pegadas dixitais de cara a ser compatíbel cos pagamentos móbiles.

htc one a9 - 3

Sairá á venda coa última versión de Android, 6.0 – Marshmallow, sobre a cal levará a habitual capa de personalización da compañía, HTC Sense, na súa versión 7.0

O HTC One A9 estará dispoñíbel en catro cores (granate, dourado, prata e gris escuro) e poderase mercar a partir do 1 de decembro por uns 600 euros.

Que vos parece? Gústavos este novo trebello?

2 Comentarios

  1. Diego 20 Outubro, 2015 Responder

Deixa un Comentario