Analizamos a Vodafone Smart Tab Prime 6

Vodafone é un dos operadores que máis aposta por Android, tanto a través dun amplísimo catálogo de terminais e tablets a disposición da súa clientela como na comercialización de trebellos que vende baixo a súa firma nunha sorte de ‘marca branca’. Hoxe traémosvos a análise dun destes trebellos, concretamente unha tablet, a Vodafone Smart Tab Prime 6.

Deseño, acabado e conexións

Estamos ante un dispositivo cun deseño bastante coidado, que polas súas dimensións e peso é cómodo de soster cunha única man. Ten uns escasos marcos laterais, que se amplían nas partes superior e inferior; é algo que ten bastante senso, pois está pensado para que cando manexemos a tablet en posición horizontal esteamos máis cómodas.
vodafone tab 6 prime - 2Todos os botóns do trebello sitúanse no lateral dereito (controis de volume e acendido), mentres que na parte inferior temos o microUSB, na superior o jack 3.5 de audio e xa na parte de atrás, ademais da cámara, o altofalante principal e os espazos para as tarxetas microSD e microSIM. Ten ademais porto de infravermellos, que serve para poder empregar a tablet como mando a distancia, aínda que esta foi unha característica que nos resultou un pouco useless.

Os acabados son en plástico, moi suave ao tacto, e con certa calidez, o que fai que sexa agradábel traballar con ela.

Pantalla

A pantalla é de 10 polgadas, cunha resolución de 1280 x 800 píxeles (157 ppp), unha calidade que a estas alturas pode resultar un pouco xusta para un trebello dese tamaño, xa que en certa maneira, se nos fixamos moito, poderemos diferenciar píxeles.

En canto ao brillo, ten bastante percorrido e, situado no máximo, permite empregar a tablet no exterior sen dificultade, algo que ten lóxica nun dispositivo que comercializa unha operadora e que ten espazo para tarxetas SIM. Iso si, ao non dispór de sensor lumínico teremos que facer o axuste manualmente.

Sistema operativo

A tablet vén de fábrica con Android 5.0.2 (Lollipop) e, aínda que non temos información, imaxinamos que non será actualizada. Non é este un problema, temos que ter en conta que se trata dun dispositivo de gama media orientado a un público que non se quere complicar co trebello, e certamente con Android 5.0 vai de luxo nela.

vodafone tab 6 prime - 3

Visualmente falando, apenas se nota a man de Vodafone na parte software, pois atopámonos cunha tablet que vén practicamente limpa, aínda que, non faltan as aplicacións da compañía, como a de xestión de cliente Mi Vodafone, Vodafone Kids con contidos infantís ou o servizo musical Napster, en oferta na compañía.

Cámara

Inclúe dúas cámaras, a principal (traseira) de 5 megapíxeles e unha frontal de 2 megapíxeles. Carece, iso si, de flash, polo que unicamente conseguiremos resultados decentes en condicións de boa iluminación. Non é algo que realmente nos preocupe, pois a fotografía non é precisamente o que máis imos empregar nunha tablet, e para as videoconferencias son abondas.

Batería

A batería é de 4600 mAh, e certamente sorprendeunos pola gran autonomía que lle aporta á tablet. Cun uso medio – alto e tirando de rede móbil 4G conseguimos preto dos dous días de uso, que certamente está moi ben.

Conclusións

A Vodafone Smart Tab Prime 6 é un trebello compensado en todos os sentidos, tanto por prestacións como por deseño. O seu lixeiro peso (406 gramos) fai que sexa moi cómoda de manexar e desprazar cando nos movemnos con ela.

Ten un procesador Qualcomm Snapdragon 410, 4 núcleos a 1,2 GHz, acompañado de 1 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna. Non se trata de características de ultimísima xeración, mais cumpren de sobras co que se agarda do dispositivo. Destaca a presenza do 4G, que nos permite conectarnos ás redes de Vodafone a moi boas velocidades, o que sen dúbida é todo un acerto.

En definitiva, trátase dun dispositivo moi interesante para a gama media, que polas súas dimensións resulta cómodo tanto para empregarse na casa como para usarse en mobilidade. Pódese adquirir na tenda de Vodafone.

Sobre o autor

Reply