Facebook mellora os resultados das búsquedas

Unha das eivas de Facebook era o buscador, un elemento que a rede posúe desde os seus comezos pero que até o de agora non funcionaba tan ben como se podería agardar, sobre todo se o comparamos con outros servizos, como podería ser Twitter. Por iso a compañía de Mark Zuckerberg vén de anunciar Search FYI, unha ferramenta coa que pretenden potenciar a calidade do buscador.

Logo dun proceso de aprendizaxe, de aquí en diante o buscador de Facebook amosará suxerencias de resultados entre post públicos ou das nosas amizades que se axusten aos nosos criterios de busca, o que facilita atopar información sobre un determiando tema que nos poida interesar.

Ademais, o buscador destacará aquelas ligazóns sobre un tema que sexan máis populares, pondo en valor así mesmo os comentarios máis habituais. Isto en certa maneira xa o fai, sobre todo nas publicacións de persoeiros famosos.

O novo servizo Search FYI xa está dispoñíbel para todas as plataformas (web, Android e iOS), aínda que polo de agora unicamente en inglés. Haberá que agardar aínda un pouco para velo noutras linguas, nomeadamente na nosa, pero estamos certas que chegará.

Deixa un Comentario