Podo reclamar pola incidencia de R?

Onte milleiras de clientas de R quedaron sen conexión a Internet por unha incidencia masiva que durou, intermitentemente, até a noite. A causa da mesma foi, segundo indicou o propio operador nas redes sociais oficiais, un problema coas DNS provocado por un ataque informático, o que fixo que non se puideran resolver correctamente os enderezos de Internet.

Esta incidencia viuse agravada pola súa natureza, afectando a todo tipo de conexións á rede (fibra óptica, ADSL e móbil), polo que aquelas persoas con todo o paquete de comunicacións contratado coa operadora galega foron as máis perxudicadas.

A lexislación actual establece o dereito a exixir unha compensación económica polo tempo que durase a avaría, que corresponde coa devolución do prezo do servizo, prorrateado polo tempo que durou a interrupción. Se a cantidade é maior ca un euro, R debe facer esta compensación automaticamente, se é menor, unicamente a petición das usuarias.

Para facer o cálculo desta cantidade debemos ter en conta todos os servizos contratados coa compañía que teñen Internet (se só temos Internet fixo, se tamén temos móbiles…), sumándoos todos para obter o cálculo total.

A reclamación pode presentarse por varias vías (postal, correo electrónico, telefónico…) durante o mes natural seguinte á data da incidencia. A nosa recomendación é empregar a vía telefónica, solicitando o número de incidencia asignadao á nosa reclamación para poder comprobar a evolución da mesma.

Dito isto, a nosa opinión: sentidiño e comprensión.

  • Estamos en fin de semana, polo que a solución dunha incidencia masiva é algo máis lenta que o habitual, pois o retén de traballadores na compañía é, loxicamente, inferior.
  • Tamén é normal que se colpase o servizo de atención ao cliente se todas chamamos para dicir que non temos Internet; a solución coa gravación indicando o problema parécenos correcta.
  • Antes de lanzarse a reclamar pensamos que é mellor agardar a comezos de semana para ver se desde R comentan se farán compensación automática e universal ou non. Xa con esa información, decidirmos que facer nós coma clientas (lembremos que temos un mes para facer a reclamación)
  • O community manager tamén ten dereito ao descanso 😉

Sobre o autor

No Responses

Reply