Galaxy View, a tablet de 18,4 polgadas de Samsung

Se hai un fabricante que aposta polas pantallas grandes ese é indudabelmente Samsung. Os surcoreanos foron os primeiros en propór pantallas de gran tamaño para smartphones e tablets, e, malia ter algo de rexeitamento inicial por unha parte da crítica, o tempo encargouse de darlles a razón.

samsung galaxy view - 3

Agora a compañía pretende ir un paso máis, apostando polo Samsung Galaxy View, unha tablet con pantalla de 18,4 polgadas da que xa houbo varios ruxe-ruxe durante o verán, pero sen moito dato concreto, e que agora vén de ser filtrada en varias imaxes.

samsung galaxy view - 2

O trebello ten unha clara orientación a servir para o consumo de contido multimedia en grupo, a modo de reprodutor portátil, polo que non nos debería extranar atoparnos cunha oferta vencellada a algún servizo de suscrición á hora da súa posta á venda, na liña do acordo que xa teñen con Netflix nalgúns produtos actuais.

samsung galaxy view - 4

En canto a especificacións internas, a tablet contará cun procesador Exynos 7580, de 8 núcleos e 64 bits, que virá acompañado de 2 GB de memoria RAM, 32 GB de memoria interna, batería de 5700 mAh e cámara frontal de 2 megapíxeles, pensada para a realización de videochamadas.

Descoñécese polo de agora cando se fará oficial, pero tendo en conta que as imaxes pertencen a un vídeo promocional será cuestión de días que teñamos novas a este respecto.

Deixa un Comentario