Analizamos o Samsung Galaxy S6 Edge Plus

Cando Samsung presentou o Galaxy S6 Edge soubemos que estabamos ante un produto revolucionario, algo no nos reafirmamos cando puidemos analizar o trebello a fondo. Porén non estabamos ante o dispositivo perfecto (realmente… algún o é?), e unha das eivas que lle atopamos foi a escasa batería, bastante xusta para acabar o día.

samsung galaxy s6 edge plus - 1

Agora vimos de probar o Samsung Galaxy S6 Edge+, o irmán maior do S6 Edge, aínda que para moitas é máis unha fusión das dúas liñas de traballo de Samsung, a saga “Galaxy S” e a “Galaxy Note”. Sexa como fór, o Galaxy S6 Edge+ non deixa de ser “un S6 Edge grande”, aínda que malia compartir a meirande parte das especificacións ténicas, mellora notabelmente a experiencia do S6 Edge orixinal.

Especificacións técnicas

Na seguinte táboa podemos ver as súas especificacións técnicas, comparándoas coas do Galaxy S6 Edge.

Galaxy S6 Edge PlusGalaxy S6 Edge
Pantalla5,7 polgadas (1440 x 2560, 515 ppp)5,1 polgadas (1440 x 2560, 577 ppp)
ProcesadorExynos 8 núcleos 64 bit (quad core a 2,1 GHz, quad core a 1,5 GHz)Exynos 8 núcleos 64 bit (quad core a 2,1 GHz, quad core a 1,5 GHz)
RAM4 GB3 GB
Memoria32 / 64  de ROM (non ampliábeis)32 / 64 / 128 GB de ROM (non ampliábeis)
Cámarasde 16 e 5 Mpx16 e 5 Mpx
Batería3000 mAh2600 mAh
Outros4G LTE Cat 6, lector pegada dixital, lector de pulso4G LTE Cat 6, lector pegada dixital, lector de pulso

Como se pode apreciar, practicamente estamos ante o mesmo trebello en diferente tamaño. A diferenza máis notoria é, por suposto, o tamaño de pantalla, aínda que tamén vemos que ten 1 GB de RAM máis, e unha batería de máis capacidade.

Deseño, acabado e conexións

Esteticamente a versión Plus é idéntica ao S6 Edge, cambiando as dimensións do trebello, que pasan a ser 154 x 76 x 6,9 mm con 154 gramos de peso, fronte aos 142 x 70 x 7 mm e 132 gramos do primeiro. Aínda que resulte anecdótico, conseguiron reducir 0,1 mm o grosor final do dispositivo.

Os acabados son unha combinación de cristal e metal, coa pantalla curvada a ambos lados, que segue a ser o elemento identificador do dispositivo. Ao tempo, esta forma fai que resulte un trebello máis cómodo de soster na man, reducindo a sensación de dispositivo grande.

samsung galaxy s6 edge plus - 2

A situación dos botóns e puntos de conexión seguen a ser os mesmos: na parte inferior temos o cargador jack 3.5 de audio, o microUSB e o altofalante, no lateral dereito o botón de acendido, no esquerdo os de volume e no superior o espazo para a tarxeta nanoSIM. O botón central frontal serve tamén como lector de pegadas dixitais e, na parte posterior, onde o flash da cámara, temos o lector de pulso.

Pantalla

A pantalla sube até as 5,7 polgadas, un tamaño que até o de agora quedaba reservado ao Note, nas gamas altas de Samsung. Esta é unha das principais novidades que presenta o teléfono, e se trata novamente dun panel QHD Super AMOLED, que mantén a resolución nos 1440 x 2560 píxeles, polo que os ppp baixan até os 515.

samsung galaxy s6 edge plus - 3

Isto non fai mudar a calidade da pantalla en esencia, polo que seguimos estando ante un panel espectacular, cun visionado perfecto en calquera situación, interior ou exterior.

A curvatura é o sinal de identidade da mesma, pero tamén un aspecto que mellora a experiencia de consumo de multimedia, grazas a que achega unha sensación de profunidade característica. Neste terminal resulta aínda máis interesante, pois resulta máis cómodo para disfrutar nela de todo tipo de contidos.

Sistema operativo

O Samsung Galaxy S6 Edge Plus ten leva Android 5.1.1, aínda que nun futuro próximo recibirá a súa correspondente actualización a Android 6.0 – Marshmallow. Sobre o sistema operativo de Google leva TouchWiz, que como explicamos no seu momento xa non é aquela pesada capa software de antaño, senón unha ferramenta con contidos específicos que melloran a usuabilidade do trebello e lle aportan novidades.

Ademais, o dispositivo trouxo de partida software específico para a pantalla curvada (que posteriormente chegaría tamén ao S6 Edge), complementando o “People Edge” cun “Apps Edge”. Esta funcionalidade serve para acceder rapidamente aos contactos ou aplicacións favoritas dun xeito áxil, despregando unha lapela no borde curvado que queiramos.

Como sempre, temos aplicacións específicas, como SideSync, que nos axuda a portar o contido do noso smartphone anterior (Android ou iOS) ao Edge Plus ou Smart Manager, que nos permite xestionar a seguridade do noso dispositivo e aspectos como a batería, RAM ou espazo de almacenamento.

Polo demais, non hai diferenzas en canto a software co que xa vimos no Galaxy S6.

Cámara

Leva integradas as mesmas cámaras que o seu irmán pequeno, que nos deixaran moi boas impresións. O sensor principal ten 16 megapíxeles de resolución, unha apertura f/1.9, enfoque híbrido e gravación de vídeo en UHD. A cámara frontal ten 5 megapíxeles e consigue uns selfies moi ben iluminados.

samsung galaxy s6 edge plus - 4

A aplicación de cámara ten dispoñíbeis unha chea de modos, algúns preinstalados de fábrica e outros que debemos descargar desde a tenda de aplicacións de Samsung gratuitamente, se queremos completar o catálogo.

modos foto galaxy s6 edge+

Os resultados son de gran calidade en todo tipo de situacións e entornos: desde o modo macro aos entornos nocturnos e pouco iluminados, pasando polos solpores. É unha cámara que non nos vai deixar indiferentes.

No noso perfil de Flickr podedes ver unha selección de fotografías tomadas co terminal.

galeria galaxy s6 plus

Batería

A batería do S6 Edge Plus aumenta 400 mAh, chegando aos 3000 mAh. Como lembraredes, o tema da autonomía era un dos aspectos máis frouxos do S6 orixinal, polo que non agardabamos importantes novidades, dado que asociamos este aumento co maior consumo dunha pantalla máis grande. Nada máis lonxe da realidade; o trebello ten un consumo menor, chegando sobradamente ao final dun día intenso, e mesmo día e medio se facemos un uso máis moderado.

Ao igual ca no modelo anterior, vén cun cargador rápido que con poucos minutos de conexión á rede eléctrica aumenta unha boa porcentaxe de batería, o que nos ofrece varias horas de autonomía extra. Así mesmo, é compatíbel coa carga sen fíos (tamén a rápida, a diferenza do modelo orixinal), tanto co estándar WPC como o PMA.

Así mesmo, existe un modo de aforro de enerxía que nos permite alongar a atonomía do terminal a costa de limitar as opcións de conectividade e mudar as cores a negros, que nas pantallas AMOLED non consumen apenas batería.

Conclusións

No seu momento comentamos que o S6 Edge era o mellor teléfono fabricado por Samsung até o momento e unha das mellores opcións en canto a smartphones. Pois ben, o Samsung Galaxy S6 Edge+ ponse por diante, corrixindo os aspectos máis febles do S6 Edge, e convertíndose no dispositivo estrela da gama alta actual.

As seareiras dos Galaxy Note botarán en falta a presenza do S-Pen para sacarlle todo o partido a unhas pantallas destas dimensións, mais o seu tamaño non nos debe levar a enganos: non é un trebello pensado para usar cun stylus, senón para disfrutar das súas capacidades como ferramenta na que consumir contido.

O hardware está moi optimizado co software, e o GB extra de memoria RAM fai que todo vaia aínda máis fluído. Desde logo a reducción de peso do TouchWiz fixo posíbel ter uns dispositivos que rinden moito mellor, algo que sen dúbida as usuarias agradecen.

En definitiva, o Samsung Galaxy S6 Edge+ é para nós o actual rei dos smartphones: un deseño espectacular e único, un bo rendemento, unha grandísima cámara e batería abonda. Podémolo atopar en cor ouro ou negro zafiro por 799 € na versión de 32 GB ou 899 € se escollemos a de 64 GB.

Deixa un Comentario