Inbox by Gmail engade respostas rápidas no email

Moitas das mensaxes de correo que contestamos desde os nosos móbiles admiten respostas rápidas do tipo “estou traballando niso”, “máis adiante xa cho envío”, … Esta cuestión é analizada por moitos teclados que temos ao noso dispór na Play Store, que aprenden das nosas respostas para anticiparse ao que imos dicir, propoñendo a seguinte palabra que completará a nosa frase.

Google estivo traballando para levar este tipo de solucións a Inbox, a aplicación de xestión alternativa a Gmail. Na seguinte actualización da app, que se irá recibindo paulatinamente esta semana, engadiuse Smart Reply, un sistema que entende a mensaxe de correo e prepara unhas poucas respostas curtas que poderemos empregar se o cremos convinte.

autocompletado inbox - 1

Smart Reply ofrecerá até un máximo de tres opcións, que se poden enviar tal e como se ofrecen ou editándoas para completalas. En calquera caso, esta solución aforraranos tempo e pulsacións.

autocompletado inbox - 2

Nun primeiro momento esta funcionalidade só estará dispoñíbel en inglés, pero imaxinamos que nos próximos meses tamén chegará a outras linguas.

Inbox é unha aplicación gratuíta que podemos descargar desde a Play Store.

Deixa un Comentario