Recupera as estrelas dos favoritos de Twitter con esta extensión para Chrome

Esta tarde Twitter desfíxose dos favoritos e as estrelas que os representaron durante todos estes anos para introducir corazóns e “gústames”, o que está a causar reaccións encontradas na rede de microblogging, aínda que cunha sinxela busca descubriremos que a meirande parte delas son negativas.

E é que os favoritos de Twitter (D.E.P.) son moito máis ca un “gústame”: son un “vin que me copiaches unha mensaxe en vez de retweetearma”, un “poño fin a esta conversa”, un “estou a ver se ligo contigo” ou case calquera outra cousa que se nos ocorra (neste artigo comentan algúns máis) que non se pode expresar cun simple “gústame”. Lembremos que por iso tamén Facebook introduxo hai uns días as súas “reaccións”, xa que o simple “gústame” non daba para máis.

Para poñer fin ao drama, un desenvolvedor vén de publicar un plugin para Chrome, Fav Forever, que trae de volta os favoritos ás nosas contas de Twitter, de tal xeito que veremos de novo as estreliñas de sempre en vez dos novos corazóns.

Así que se queres volver a ver as estrelas, podes instalar a extensión para Chrome desde esta ligazón. Ah! E é de balde! 😉

Sobre o autor

Reply