Solu, un ordenador pouco máis grande ca o teu móbil

Malia que xa temos visto varios exemplos de converxencia smartphone – PC a través de docks, empregando Ubuntu ou Windows, aínda queda algún tempo para que ese tipo de trebellos sexan algo de uso cotiá. Mentres tanto, se queremos dispór dun ordenador compacto teremos que pensar noutras opcións, como Solu, un proxecto de Kickstarter que está a dar moito que falar estes días.

solu - 2

Solu non é o primeiro ordenador compacto que só precisa ser conectado a unha pantalla para funcionar, mais a diferenza de outros trebellos que temos visto (e probado) pode prescindir tamén de elementos accesorios (teclado e rato), xa que dispón dunha pantalla con resolución 1440 x 1440 (450 ppp) que será empregada como trackpad.

solu - 1

Do resto de especificacións destaca a presenza dun procesador NVIDIA 4-Plus-1 (4 núcleos Cortex A15 a 2,3 GHz), 4 GB de RAM, 32 GB de caché, soporte para monitores 4K e conectividade WiFi (MIMO 2×2). Como sistema operativo emprega SuloOS, creado polos desenvolvedores deste proxecto especificamente para o trebello.

Do mesmo xeito que o smartphone Robin que vimos hai uns días facía gran uso da nube, Sulo vai un pouco na mesma liña, con todo o contido almacenado de forma externa. Isto ten unha implicación a maiores, xa que hai que pagar unha tarifa mensual para poder facer uso desta almacenaxe externa e das aplicacións que se situaría arredor dos 20 €, unha cuestión que pode que reste interese a unha boa parte das usuarias. Como curiosidade final, as aplicacións de Solu están baseadas en HTML5, aínda que tamén soporta as de Android.

solu - 3

Solu terá un prezo de mercado de 449 €, mais as persoas que participen na campaña de micromecenado poderán adquirilo por 349 €, un aforro considerábel. Que vos parece o trebello? Védelo interesante?

Sobre o autor

Reply