Xiaomi Mi Powerbank: 20.000 mAh e carga rápida por apenas 20 €

A ninguén lle gusta quedar sen batería nos seus trebellos, motivo polo cal os powerbanks están a gañar cada vez máis popularidade entre as usuarias. Neste apetitoso mercado dos accesorios vencellados á enerxía atopámonos centos de opcións e alternativas, moitas delas ligadas aos propios fabricantes de teléfonos.

É o caso de Xiaomi, que xa dispón de varias destas baterías no seu portfolio, mais agora vén de anunciar un novo con 20.000 mAh de capacidade que destaca por pesar 338 gramos grazas a estar fabricado en policarbonato e ser compatíbel coa carga rápida, o que permite cargar 11.000 mAh en apenas 3 horas (teñamos en conta que un smartphone actual ten uns 3000 mAh de batería).

O accesorio dispón de dúas saídas USB con potencia 5.1V/3.6A, o que nos permite cargar dous trebellos ao mesmo tempo.

Sairá á venda o vindeiro 11 de novembro por uns 22 euros ao cambio. De estarmos interesadas en marcalos debemos facelo a través dalgunha das tendas chinesas online que envían ao noso país.

Deixa un Comentario