Pioneer XDP-100R: reprodutor musical con Android

Os smartphones condenaron a moitos trebellos á súa desaparición ou reinvención, como é o caso das cámaras de fotos, as consolas de peto ou os reprodutores de música portátiles. Porén, unha parte das usuarias segue interesada nestes dispositivos de propósito específico, polo que algúns fabricantes están a prestarlles atención, deseñando produtos orientados a un fin concreto.

É o caso de Pioneer, que semanas atrás anunciou un novo reprodutor musical, o Pioneer XDP-100R, orientado a que o público máis audífilo poida disfrutar da súa música cunha calidade superior grazas ao uso de DACs integrados.

Pioneer XDP-100R - 2

O novo dispositivo incorpora unha pantalla de 4,7 polgadas con calidade 720p e Android 5.1.1 (Lollipop) certificado por Google e con acceso á Google Play, tanto para poder descargar todo tipo de aplicacións como para mercar música. Destaca ademais a presenza de dúas ranuras para tarxetas microSD, cuxa capacidade podemos sumar aos 32 GB de almacenaxe interna.

Segundo informan no Wall Street Journal, o novo dispositivo de Pioneer chegará aos EUA a finais de mes por uns 500 dólares, pero non se comenta nada da súa posíbel comercialización en Europa.

Deixa un Comentario