Snake ’97: o clásico retro, agora tamén no teu Android

Que levanten a man aquelas persoas que nunca xogaron ao Snake na década dos noventa! Estamos certas de que todas, nalgún ou noutro momento, tentamos facer medrar aquela serpe famenta de crecemento. Ese sinxelo xogo, que nun primeiro momento comezaba como un pixel gordo e cadrado, acabou tendo cabeza froito da evolución das versións.

O meu primeiro contacto con ese xogo foi a través dun Nokia, o Nokia 5110 da miña nai. Serviu para os primeiros vicios, que continuaría posteriormente no meu 3310.

snake 3

Malia todo o que teñen evolucionado os gráficos nos smartphones, así como os xogos, apostando mesmo pola realidade aumentada, aínda somos moitas as que disfrutamos volvendo anos atrás para disfrutar dos xogos clásicos. Empregar un vello Nokia a modo de consola para o Snake pode non ser moi operativo mais, por sorte, podemos contar con simuladores.

É o caso da aplicación Snake ’97: o clásico retro, que nos permite disfrutar deste marabilloso xogo nos nosos Android.

snake 0

A diferenza doutros simuladores e xogos da serpe (podemos atopar ducias, senón centos na Play Store), este pareceunos moito máis orixinal, pois tamén simula o terminal no que estamos a xogar, podendo escoller cinco clásicos da época: o Nokia 5110, o Nokia 3210, o Nokia 8210, o Nokia 8850 e o todoterreo Nokia 3310. E non é o único que podemos elixir, xa que tamén, como é normal, déixanos escoller a velocidade á que queremos xogar (recomendamos comezar despacio, se levamos tempo sen practicar 😉 ).

snake 1

snake 2

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Malia todo, cómpre sinalara que a aplicación ten un punto menos retro. A adaptación aos novos tempos e esa manía que temos de presumir nas redes sociais fixo que os creadores implementasen a posibilidade de compartir os nosos resultados nas redes sociais. Unha incorporación necesaria para moitas, prescindíbel para outras, pero que en calquera caso non cambia esa marabillosa experiencia de disfrutar dun xogo nun terminal clásico, aínda que sexa virtual.

Se queredes revivir a experiencia do xogo podedes descargar a aplicación, que é totalmente gratuíta, desde a Play Store, aínda que desde o navegador do noso ordenador tamén podemos disfrutala grazas a browser version Serpiente. Horas de diversión aseguradas, estades dispostas a reengancharvos? Contádenos a experiencia!

Deixa un Comentario