Telefónica repite pataleta contra Google, agora con bq

Frear a Google, a cruzada particular de Telefónica. A operadora dirixida por César Alierta volve firmar alianzas para (tentar) frear o crecemento de Google no mercado móbil, desta vez co fabricante español bq como socio de referencia tras o estrepitoso fracaso de FirefoxOS, no que tiña concentrados todos os seus esforzos.

Google e Apple están a dominar o mercado do móbil, e certamente resulta complicado que entren novos actores nesa loita, con Microsoft como único posíbel candidato a facer algo de dano. Mais, con todo, resulta curioso que sexa precisamente Telefónica quen aspire a romper ese duopolio sendo a operadora monopolista que foi (e segue sendo), polo que máis ben se trata dunha sorte de vinganza polos seus públicos e reiterados desencontros co buscador.

Telefónica, bq e Cyanogen OS

A operadora presentou onte un terminal fabricado por bq que ten como particularidade o uso de Cyanogen OS, un fork de Android que permite prescindir dos servizos de Google (léase, as Google Apps) co obxectivo de limitar os ingresos e poder que ten a compañía de Mountain View, aínda que bq confirmou que si que os trae.

bq cyanogen - 1

O bq Aquaris X5 Cyanogen é un dispositivo semellante ao X5 recentemente presentado, que destaca polos seus acabados en metal. Ten unha pantalla de 5 polgadas (720p), procesador Qualcomm Snapdragon 412, 2 GB de memoria RAM, 16 GB de memoria interna (ampliábeis por microSD), cámaras de 13 e 5 megapíxeles (ambas con flash), batería de 2900 mAh e conectividade 4G.

Cyanogen recibiu recentemente o apoio de Microsoft, e hai uns meses ambas compañías anunciaron unha alianza para integrar as aplicacións dos de Redmond nos trebellos que usan este sistema operativo: Outlook, OneNote, OneDrive, Skype ou Cortana, que virían a sustituír aos Gmail, Keep, Drive, Hangouts e Google Now, de Google.

Por outra banda, tanto o Banco Santander como Telefónica participaron nunha rolda de financiamento de 73 millóns de euros para impulsar o uso de Cyanogen. A diferenza do que pasa con Firefox ou Ubuntu, este sistema operativo, ao estar baseado en Android, permite ás usuarias empregar as aplicacións que existen para Android, co que o cambio é menos radical.

O bq Aquaris X5 Cyanogen xa está dispoñíbel no mercado español por 209 euros na versión libre ou, sendo cliente de Movistar, financiado durante 24 meses a 8,70 €/mes. Nas próximas semanas chegará a Alemania e Reino Unido e xa no 2016 ao resto de países nos que opera Movistar.

No Responses

Deixa un Comentario