Facebook explica por que activou o Safety Check nos atentados de París

Logo dos atentados de París do pasado venres, Facebook activou o Safety Check, unha ferramenta que permitiu ás usuarias na zona indicar aos seus contactos se estaban ben ou se, polo contra, non se atopaban nas proximidades do lugar dos feitos.

As redes sociais téñense convertido nos últimos tempos en elementos fundamentais de contacto durante as crises, e un bo exemplo tivémolo hoxe cando soubemos que un galego dado por morto en París indiciou a través da súa conta de Facebook que non estaba afectado polos atentados.

Con todo, Facebook recibiu unha chea de críticas por ter activado este servizo durante os atentados de París e non facelo noutras crises recentes, como os ataques de Beirut do xoves, onde morreron máis de 40 persoas, no que semellou unha dobre vara de medir á hora de dar máis importancia ás mortes occidentais ca ao resto.

facebook safety check - 2

A compañía publicou este sábado un post para responder a estas acusacións e dar explicacións sobre o tema, no que indican que é a primeira vez que empregan esta ferramenta para outra cousa que non fose un desastre natural, catástrofes para as que foi deseñada a raíz do tsunami de Tokyo, no que motia xente empregou Facebook para indicar a familiares e amizades que estaban ben. Máis recentemente, o Safety Check foi activado nos terremotos de Afghanistán, Chile e Nepal ou no tifón Ruby (Filipinas).

Porén, semella que nos casos de guerras ou conflitos que se extenden no tempo (que non teñen un punto de inicio e outro de final concreto) o Safety Check deixa de ter tanto senso ao non saber claramente cando unha persoa pode considerarse definitivamente a salvo. No caso dos atentados de París, din, observaron moita actividade na rede social de persoas indicando que estaban ben e outras tentando averiguar sobre os seus, polo que decidiron probar como funcionaba a ferramenta máis aló dos desastres naturais: “Ten que haber unha primeira vez para probar algo novo, incluso en momentos complicados, e esta vez tocoulle a París”.

Aseguran que logo deste acontecemento cambiarán o propósito inicial do Safety Check para activalo noutros incidentes tráxicos, de maneira que a ferramenta estea dispoñíbel cando e onde sexa que ocorra algo grave.

Que pensades vós disto?

Sobre o autor

Reply