HTC estrea o One M9S, pero de momento só en Taiwán

Como vén facendo nos últimos tempos, HTC volve repetir estratexia de lanzar terminais derivados dos seus buques insignia. Co HTC One (M9) aínda na mente de todas as seareiras da marca coñecemos o HTC One M9S, un trebello con prestacións recurtadas sobre o modelo orixinal que coñecemos hai uns meses.

htc one m9s - 1

Esteticamente o dispositivo é moi parecido ao orixinal, pero é nas súas características onde atopamos as diferenzas. A continuación podedes ver as especificacións deste modelo:

  • Pantalla de 5 polgadas (1920 x 1080, 441 ppp) con protección Gorilla Glass 4
  • Procesador MediaTek Helio X10 (64 bits, octa core a 2,2 GHz
  • 2 GB de memoria RAM
  • 16 GB de memoria interna (ampliábeis por microSD)
  • Cámara principal de 13 Mpx e f/2.0
  • Cámara frontal ultrapixel f/2.0
  • Batería de 2840 mAh
  • LTE e NFC

Como podemos ver, o principal recurte súfreo no procesador, onde a compañía elixiou a opción de MediaTek fronte ao Snapdragon 810, aínda que se temos en conta os problemas de quecemento deste, e deixando de lado a reducción de potencia, o cambio pode non ser tan tráxico. Tamén se reducen os GB de memoria interna desde os 32 aos 16 GB, así como de memoria RAM, que pasa de 3 a 2 GB.

htc one m9s - 3

Todos estes cambios no hardware derivan tamén nun prezo inferior. A falta de que se confirme e concrete a súa dispoñibilidade no noso país, o trebello sae á venda en Taiwan por menos de 400 €, a diferenza do terminal orixinal, que se sitúa na marxe dos 700 €.

Sobre o autor

Reply