T Mobile ofrece miniestacións 4G aos clientes para mellorar a cobertura

Os maiores problemas de cobertura adoitamos telos en interiores, onde as redes móbiles teñen maiores dificultades para penetrar. Por iso son varios os operadores que ofrecen solucións alternativas, femtoceldas ou redes WiFi públicas, sendo un exemplo a wificlientesR da operadora galega R.

wificlientesR semella estar funcionando bastante ben no tráfico de datos, aínda que R emprega a rede de voz convencional para as chamadas. As femtoceldas son, pola contra, un sistema diferente: pequenas antenas que replican a cobertura móbil pero que cursan o tráfico de voz e datos por conexións fixas (tipicamente ADSL ou fibra), mais no noso país non chegaron a triunfar polos abusivos prezos das operadoras, con cotas de entre 9 e 15 euros mensuais.

personal cellspot t mobile - 2

A operadora estadounidense T-Mobile quere pór o seu graíño de area para solucionar este tipo de eivas, polo que vén de lanzar unhas miniceldas (antenas) chamadas 4G LTE CellSpot. Trátase duns routers que se conectan por cable a calquera punto de acceso a Internet e que dispoñen de todo o preciso para ofrecer cobertura 4G e 3G aos teléfonos móbiles dos clientes da operadora. Permiten dar rede até uns 300 metros cadrados e admiten até 16 conexións simultáneas, 8 baixo 3G e outras 8 baixo 4G.

Esta solución mellora notabelmente a experiencia de usuario e pode ser outro punto a favor de negocios, como un atractivo máis para os clientes. O mellor de todo é que este router custa unicamente 25 dólares, polo trebello en si, e non obriga a manter cotas mensuais.

Que vos parece?

Sobre o autor

Reply