As usuarias de Vodafone Wallet poderán pagar sen contacto coas tarxetas Mastercard

As usuarias da carteira virtual Vodafone Wallet poderán facer pagamentos a través dos seus smartphones tamén con tarxetas Mastercard, unha novidade que está previsto que chegue nas próximas semanas. Vodafone Wallet emprega a tecnoloxía NFC, dispoñíbel en gran cantidade de teléfonos Android, mais tamén a SIM como elemento de seguridade.

Para poder empregar as tarxetas Mastercard en Vodafone Wallet, as clientas da compañía vermella unicamente terán que introducir o número da tarxeta bancaria na aplicación, onde quedará protexida mediante a SIM e polo MasterCard Secure Code. Desde ese momento xa se poderán facer compras con tan só achegar o móbil aos TPV compatíbeis dos comercios. Para as compras de maior importe requerirase a introdución do PIN de 4 díxitos da tarxeta para ter maior seguridade.

Vodafone Wallet leva xa tempo dispoñíbel en diversos países de Europa (España, Reino Unido, Alemania, Italia, Países Baixos e Hungría), nun primeiro momento máis orientado á virtualización de tarxetas de fidelización, aínda que desde 2013 pódese pagar usando a pasarela Vodafone Smartpass.

Que vos parecen este tipo de servizos? Empregades ou queredes empregar os vosos móbiles para pagar?

Deixa un Comentario