Lenovo anuncia a familia de smartphones Vibe 3

Aínda que Lenovo leva tempo nisto dos smartphones moita xente coñeceunos a partir de que se fixeran coa mítica Motorola tras o seu paso polas mans de Google. A compañía chinesa tivo nestes últimos tempos unha importante actividade no desenvolvemento de smartphones e tablets, e hoxe sorpréndenos con novos trebellos da súa familia Vibe: o Vibe X3, o Vibe X3 Lite e o Vibe X3 Premium.

Con este duplo lanzamento (o Premium só ten maior capacidade de memoria ca a versión estándar) o fabricante súmase á moda de presentar trebellos derivados dun modelo concreto, pensando en dotar de capacidades extras a un deles para as usuarias máis exixentes.

lenovo vibe x3 - 2

A versión estándar, o Lenovo Vive X3, ten unha pantalla de 5,5 polgadas con resolución FullHD e protección Gorilla Glass. No interior atopamos un procesador Qualcomm Snapdragon 808, 3 GB de memoria RAM, 32 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 32 GB, cámara principal de 21 megapíxeles con sensor Sony IMX230 e dobre flash LED, cámara frontal de 8 megapíxeles, batería de 3600 mAh con carga rápida e Android 5.1 – Lollipop.

A versión Premium non é máis que o mesmo terminal coa memoria interna de 64 GB no canto dos 32 do modelo dstándar. Porén, no que si cambian as especificacións é no Lenovo Vibe X3 Lite, que ve recurtadas todas as súas prestacións, agás a pantalla, que se mantén.

Deste modo, no Lenovo Vibe X3 atopámonos cun procesador MediaTek de 64 bits (o MT6753), 2 GB de memoria RAM, 16 GB de memoria interna ampliábeis a través de tarxetas microSD, cámaras de 13 e 5 megapíxeles, 3400 mAh de batería e Android 5.1 Lollipop poñendo orde a todo.

En canto a prezos, co cambio actual, quedan deste xeito:

  • Vibe X3: 370 euros.
  • Vibe X3 Premium: 440 euros.
  • Vibe X3 Lite: uns 280 euros.

Polo de agora non hai información sobre se a compañía ten previsto comercializar en Europa estes modelos. Que vos parecen?

Deixa un Comentario