Arturo Dopico deixa R tras 17 anos á fronte

Tras un breve proceso de consolidación de apenas catro meses, onte deuse por pechada a compra de R por parte da cableira vasca Euskaltel, que xa manexa o 100% das accións da compañía galega.

O futuro de R fica agora máis aberto ca nunca, pois malia que nun primeiro momento ambas compañías prometeron (e prometen) que “haberá poucos cambios”, en relación a que ambas seguirán operando con marcas diferenciadas en Galiza e Euskadi, que conservarán ambas sedes sociais e que non reducirán plantilla de persoal, o certo é que xa está a haber importantes movementos.

En concreto, Arturo Dopico, quen exerceu de conselleiro delegado de R durante os últimos 17 anos, deixa a compañía, e xunto a el faino tamén Francisco Rodeiro, o director de planificación estratéxica e desenvolvemento de negocio. Euskaltel propuxéralle a Dopico que, de querer quedarse, debería adaptarse ao novo organigrama de empresa, desenvolvendo outra función, algo que, supomos, tería rexeitado.

Novos retos para a compañía galega

A compra de R por CVC supuxo no seu momento unha importante inxección económica que serviu para que R puidese medrar e levar os seus servizos a máis clientes. Porén, a compra de Euskaltel terá consecuencias máis tanxíbeis que afectarán directamente á calidade do servizo, como o despregamento de rede propia de telefonía móbil nas cidades e a chegada do 4G, aínda que seguramente non con Vodafone como socio.

Sobre o autor

Reply