Movistar sube de forma xeralizada as súas tarifas de móbil e ADSL

Malia a tendencia á baixa xeralizada entre os operadores de telecomunicacións, algunhas compañías están a facer movementos no sentido contrario, subindo as tarifas. Agora tócalle a Movistar, que co novo ano subirá tres das súas catro tarifas de contrato móbil.

As tarifas son as Vive 12, Vive 25 e Vive 33, que subirán a súa cota mensual un euro cada unha sen que melloren as súas xa de por si pouco competitivas prestacións, ao tempo que tamén sube o prezo dos sms até os 20 céntimos. Deste modo, a partir do 18 de xaneiro a oferta de tarifas móbiles quedará así:

  • Vive 13: 1 GB de datos e chamadas a 0 cént/min con establecemento de 20 céntimos por 13 €
  • Vive 26: 1,5 GB + 200 minutos en chamadas por 26 €
  • Vive 34: 2,5 GB + chamadas ilimitadas + sms ilimitadas por 34 €
  • Vive 45 (non cambia de prezo): 5 GB + chamadas ilimitadas + sms ilimitadas por 45 €

Non será o único que suba en Movistar co novo ano, xa que desde o 1 de xaneiro a tarifa ADSL Base custará 3 € máis ao mes, acadando os 44,70 €/mes.

Con este movemento a compañía di ter un duplo obxectivo: por unha banda, que a clientela teña todos os servizos de telecomunicacións con eles no programa Fusión, máis atractivo economicamente, así como tamén que se abandone o ADSL en favor das ofertas de fibra. Serán conscientes de que aínda falta bastante para que moito do seu público teña cobertura de fibra? Está claro que hai cousas que non se ven desde os despachos.

Deixa un Comentario