Analizamos a Amazon Fire, a tablet de 60 euros

59,99 €. Ese é o prezo oficial da Amazon Fire, a tablet máis económica de Amazón. Por ese prezo véñensenos á cabeza as típicas tablets que venden os xornais a cupóns ou algún que outro invento chinés do diaño de mala calidade que acaban dando ás usuarias dores de cabeza. Nada máis lonxe da realidade, a Amazon Fire é un dispositivo modesto, si, pero cunhas prestacións que sobardan con creces o que agardabamos dela, aínda que teña máis dun “pero” que veremos ao longo do artigo.

Acabados, deseño e conexións

A Amazon Fire é un dispositivo compacto, que podemos soster comodamente cunha soa man. Pesa arredor de 300 gramos e ten unhas dimensións de 191 x 115 x 10,6 mm. Os marcos que rodean a pantalla teñen aproximadamente un centímetro, o que permite sostela comodamente mentres consumimos contidos, tanto horizontal como verticalmente.

amazon fire - 2

Os bordes están lixeiramente curvados para a parte traseira, o que facilita o agarre do trebello, ao tempo que reduce a sensación de grosor. Na parte superior sitúanse todos os botóns (reguladores de volume e acendido), así como o conector jack 3.5 de audio e o microUSB. Na traseira ten a cámara principal, sen flash, e na parte frontal unha cámara secundiara para videochamadas.

Hardware e rendemento

No interior da tablet atopámonos unhas especificacións de gama media. O procesador é un Quad Core a 1,3 GHz, con 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna ampliábeis mediante microSD de até 128 GB. Entre as opcións de conectividade está a WiFi e Bluetooth.

Con estas prestacións é obvio que non podemos aspirar a ter un rendemento de gama alta, sobre todo pensando en mover xogos con grandes dependencias en recursos. Pero para mover aplicacións todo vai bastante fluído, ás veces con algo de lag se sobrecargamos o trebello, pero nada exaxerado.

Sistema operativo

En canto ao sistema operativo, funciona cun fork de Android, Fire OS 5.0 (Bellini). Como todos os fork, pode correr calquera aplicación compatíbel con Android, aínda que iso si, non ten acceso á Play Store nin aos servizos de Google de maneira oficial, aínda que é doado instalala manualmente.

fire - 3

Para facernos con aplicacións podemos tirar da tenda de Amazon, onde atopamos as máis habituais, tanto gratuítas como de pago. Outra opción é empregar os markets de aplicacións alternativos ou apkmirror.

Case todo está pensado para que compres en Amazon. De feito, ademais da tenda de aplicacións de Amazon temos accesos directo á tenda xenérica, á de música, filmes, a Amazon Cloud Drive… Outro aspecto máis invasivo témolo na pantalla de bloqueo, xa que na meirande parte das veces, cando imos desbloquear, vemos un anuncio. As  primeiras veces chama a atención, pero conforme avanza o uso que lle damos ímonos habituando.

amazon fire - 3

Pantalla

A pantalla é de 7 polgadas, con resolución de 1024 x 600 píxeles, é dicir, unha densidade de 171 píxeles por polgada. Fica lonxe de ser a mellor pantalla que teñamos probado, pero o certo é que as sensación foron boas, sen resultar molesta pese a empregala durante varias horas seguidas.

En entornos exteriores, con incidencia do sol directa ou indirecta xa non se comporta tan ben, nin polo brillo nin polos reflexos que produce, que dificultan a lectura. Vamos, que non é recomendábel para aquelas persoas que estiveran pensando nela como sustituta do Kindle de tinta electrónica na praia.

Cámara

A cámara principal é de 2 megapíxeles e a frontal unha VGA. Está claro que ambas teñen unha presenza testimonial, poder sacar un apuro no caso da situada na parte traseira do trebello e a VGA servir para as videochamadas que poidamos facer. Sen máis.

Batería

Chamounos especialmente a autonomía da súa batería, xa que conseguimos sobrepasar as 6 horas de actividade. A carga faise cun cargador estándar, non especialmente rápido.

Conclusións

Se pensamos en facernos cunha Amazon Fire temos que ter claro que se trata dun produto de calidade máis que aceptábel para o prezo que ten. A compañía non gaña cartos con ela, é máis, seguramente os perda, porque entende que onde realmente terá a ganancia é vendendo contidos para ela, xa sexan aplicacións, libros ou películas. Iso explica o seu prezo.

A Amazon Fire é un produto moi resolutivo, é dicir, fai todo o que se agarda dun trebello das súas características e o fai con nota. Chamounos a atención especialmente a calidade do son, superior a produtos bastante máis caros algo que por outra banda ten sentido se pensamos que estamos ante un produto que só nos vale para consumir multimedia. Que pensades vós?

Se queredes facervos cunha, podedes mercala directamente en Amazon por 59,99 €

Sobre o autor

Reply