Probamos o 4G de Ocean’s

A comezos de novembro Ocean’s anunciou a dispoñibilidade do 4G para os seus clientes de servizo móbil, converténdose no primeiro dos dous operadores móbiles virtuais galegos en ter acceso a este tipo de redes.

O 4G está a ser empregado polas operadoras con rede que dan servizo a OMVs como arma de guerra para tratar de captar clientes ou evitar a fuxida cara opcións máis económicas. Porén Orange, empresa que dá servizo a Ocean’s, está a ter unha actitude moito máis flexíbel, e xa son moitos os virtuais que operan coa súa rede e teñen 4G.

Como diciamos, a rede que emprega Ocean’s é a de Orange, que ten mellorado sustancialmente nos últimos anos en todo o país, tanto en cidades como nas vilas máis pequenas e contornas rurais. Durante o mes que estivemos a probar a tarxeta sorprendeunos que son moitos os lugares nos que xa hai 4G, mesmo en áreas afastadas de núcleos de poboación. Pódese ver algo máis polo miúdo neste mapa.

oceans 4g - 1

Durante o tempo de probas fixemos medicións en diversas cidades do país (Ferrol, A Coruña, Santiago, Narón), mais tamén en vilas medias (Fene, Pontedeume…) e rurais (Cabanas, A Capela, …). Nestas últimas áreas unicamente en exteriores, pois en interiores non tivemos acceso a esta cobertura.

Os resultados dos diversos test de velocidade, algúns dos cales podedes ver nas capturas superiores, estableceron unha velocidade máxima de baixada de algo menos de 50 Mbps, cunhas subas máximas de 30 Mbps. O ping da conexión sitúase sempre arredor dos 50 ms.

Estas cifras sitúanse bastante por baixo das cifras teóricas de 150/75 Mbps do 4G (nos días de probas en ningún momento tivemos acceso a 4G+, evolución do 4G que acada velocidades de descarga de 300 Mbps e que Orange está comezando a activar en cidades grandes, a menor ritmo), aínda que polo xeral foron velocidades superiores á media que proporciona a rede de Orange, que se sitúa arredor dos 31,6 Mbps en baixada e 18,3 Mbps en subida.

Ocean’s permite o uso do 4G en todas as súas tarifas con datos, e teñen un abano bastante amplo de opcións que se adaptan ás diferentes necesidades das usuarias:

  • Tierra 6: 100 minutos + 1 GB por 7,26 €/mes
  • Tierra 9: 100 minutos + 2 GB por 10,89 €/mes
  • Tierra 15: 300 minutos + 3 GB por 18,15 €/mes
  • Tierra 25: ilimitadas + 4 GB por 30,25 €/mes
  • Tierra 35: ilimitadas + 5 GB por 42,35 €/mes

Sobre o autor

Reply