Analizamos o Chromecast de segunda xeración

Certamente o Chromecast é un dos mellores accesorios – complemento para os nosos televisores. Para quen non o coñeza, trátase dun dispositivo que se conecta mediante un conector HDMI ao noso televisor e, sen fíos, á nosa rede WiFi. Grazas a iso poderemos enviarlle desde o noso smartphone ou tablet contido multimedia para o reproducir, así como facer screencast dos nosos trebellos á tele.

Vimos de analizar a segunda versión do Chromecast, que vén a facer practicamente o mesmo ca o orixinal, aínda que recibiu unha completa renovación estética e pequenas melloras hardware.

chromecast 2 - 2

Comezando polo se deseño, atopámonos cun aspecto bastante peculiar, no que Google apostou por unha forma circular e un anaco de cable que une o corpo do dispositivo co conector HDMI en si. A versión inicial, con forma de chisqueiro USB, podía complicar a instalación en televisores situados preto da parede ou co conector HDMI en lugares complicados. Pola contra, coa nova forma, redúcese a profundidade necesaria para o colocar, ao quedar colgando en calquera sitio.

chromecast 2 - 3

Ao igual que no modelo anterior, precisa alimentación a través dunha conexión microUSB. Temos dúas opcións para isto: conectarlle un cable desde un enchufe (como faríamos para cargar un móbil) ou ben desde a toma USB do televisor, se dispón dela. Unha vez enchufado, a través da app Chromecast instalada no noso teléfono e en poucos pasos, teremos o trebello operativo e funcionando.

Entre as novidades desta versión está a WiFi, agora compatíbel con a/c, o que mellora a conexión á rede e soluciona os problemas que tiñan algunhas usuarias coa primeira versión. Non é compatíbel co 4K, e iso é quizais o peor (ben, o “menos bo”) deste dispositivo, sobre todo se temos en conta o auxe das televisores compatíbeis con esta calidade e que YouTube, propiedade de Google, está a apostar polos contidos nesta resolución.

A aplicación segue a ser o centro de mando do Chromecast, xa que serve tanto para configuralo inicialmente como para levar a cabo a busca de contido compatíbel, aínda que as opcións máis innovadoras só están dispoñíbeis nos EEUU. No noso país, a aplicación de Chromecast serve basicamente para enviar a pantalla do noso móbil á TV e algunha que outra pequena cousa, máis á hora da verdade tiraremos do modo Chromecast incluído en apps compatíbeis.

Falamos por exemplo de YouTube, onde veremos unha icona que nos permite enviar o contido á tele con tan só pulsala. E como YouTube outras moitas, entre as que destacan as de Atresplayer, Daily Motion, Netflix ou Spotify. A listaxe completa podémola ver aquí.

Conclusións

Hai varios puntos a favor do novo Chromecast: é un dispositivo barato, estupendo para facer streaming á tele sen complicacións e ten un tamaño compacto abondo como para permitirnos levalo dun lado a outro sen que ocupe demasiado (por exemplo se queremos ir a casa de alguén con pretensións de castear algo).

Quen vaia facer do vídeo baixo demanda o seu principal uso do televisor pode atopar que o dispositivo queda algo curto, sobre todo porque o número de aplicacións con compatibilidade nativa é limitado, e o cast da pantalla do móbil pode non ser o máis cómodo para dependendo que cousas. Do mesmo xeito, quen dispoña xa do modelo orixinal non debería facerse co novo, pois apenas cambiou nada.

En resumo, o Chromecast 2 é para nós un produto básico para complementar a nosa tele se somos usuarias ocasionais ou non queremos complicarnos con instalacións, unha ferramenta idónea coa que poder iniciarse en levar as posibilidades multimedia da Internet ou do móbil ao noso televisor.

Pódese mercar por 39 € na tenda de Google, aínda que WuakiTV ten unha promoción que inclúe 3 meses do seu servizo (sen permanencia) coa que podemos mercar o Chromecast por 29,90 €. En ambos os casos non hai gastos de envío.

Bonus

Co gallo do Nadal, Google vén de facer compatíbeis con Chromecast diversos xogos, polo que podemos sacarlle aínda máis partido ao trebello. Entre eles están Angry Birds, Driver Speedboats Paradise, Monopoly ou Scrabble, entre outros.

 Angry-Birds-Friends-Chromecast

Sobre o autor

Reply