Así son as novas Google Glass Enterprise Edition

Tras moito tempo sen ter novas delas, as Google Glass volven ser nova. Os lentes de Google (se aínda non liches a análise que lles fixemos o ano pasado podes pasarte por este post) reaparecen en escena coa publicación de imaxes dun novo modelo, as Google Glass Enterprise Edition, o que vén a ser unhas Glass para uso máis profesional.

Durante o 2013 e o 2014 falouse moito das Google Glass, en grande medida polo hype que Google se encargou de alentar, até o punto de conseguir o efecto contrario: que o futuríbel trebello que todas queríamos acabase por converterse nun obxecto de mofa para moitas e de “aumento do odio eterno” cara Google por parte doutras moitas persoas.

Google Glass Enterprise Edition

Tras este período de silencio, no que houbo reordenación do equipo, contratacións de persoas relevantes e fuxida doutras tantas mentes brillantes a outros proxectos, coñecemos un novo modelo redeseñado, que queda reducido a unha soa patilla coa pantalla retraíbel.

google glass 2 - 2

As melloras deste modelo, que en principio só chegará ás compañías vencelladas a Glass for Work, tamén afectan ao hardware, dispondo dunha pantalla máis grande, WiFi mellorado e, sobre todo, melloras na autonomía, grazas aos novos procesadores Intel Atom.

google glass 2 - 4

Así mesmo, a información dada a coñecer tamén revela a existencia dunha batería externa, que se poderá acoplar aos lentes para aumentar aínda máis esta autonomía.

google glass 2 - 3

Fica moito camiño por percorrer para que un trebello como as Google Glass sexa un dispositivo de uso cotiá, mais son moitos os usos que poden ter en ámbitos profesionais, onde semella que o dispositivo de Google goza dunha mellor aceptación. Que pensades vós?

No Responses

Deixa un Comentario