Send me to Heaven: o xogo para despedirnos do noso smartphone

Ás veces queremos mudar de móbil e buscamos un último empuxonciño que nos axude a acabar de convencernos. Iso é o que parece que busca Send Me To Heaven (S.M.T.H.), o xogo que hoxe vos presentamos e que non tivemos os c****** de probar antes, aínda que tamén serve para as persoas que buscan emocións fortes, a modo de ruleta rusa.

A idea do xogo é competir por ver quen é capaz de lanzar máis alto un smartphone e comparar a altitude acadada. Obviamente a idea é ser capaz de recuperalo ao voo para ver cal foi a nosa puntuación, e sobra dicir que canto máis alto sexa mellor.

send me to heaven

Os choros poden vir se non collemos o teléfono de volta, polo que temos que facer aquí un disclaimer para que xoguedes baixo a vosa propia responsabilidade.

Algunhas persoas animáronse a facer artiluxios cos que poder multiplicar a forza de lanzamento, coa intención de acadar máis metros. Para mostra, podedes botarlle un ollo ao seguinte vídeo duns brasileiros.

Send me to Heaven é unha aplicación gratuíta que podedes descargar desde a Play Store.

Deixa un Comentario