O Xiaomi Mi5 déixase ver antes da súa presentación

Xiaomi aínda non ten data para presentar o seu novo Xiaomi Mi5, mais o trebello vense de filtrar nunhas imaxes que o amosan en todo o seu esplendor. A compañía ten intención de polo a venda a finais do primeiro trimestre do ano, mais todo fai pensar que o dará a coñecer, oficialmente, a comezos de ano.

O dispositivo integra o procesador Qualcomm Snapdragon 820, motivo polo cal Xiaomi tivo que retrasar a presentación do seu novo buque insignia, tanto polos retrasos de Qualcomm como pola exclusividade deste modelo concreto de procesador que tivo Samsung durante uns meses.

xiaomi mi5 filtrado - 1

Xunto ao procesador, nas últimas semanas foron dándose a coñecer outras compoñentes do trebello. Deste modo sabemos que terá 3/4 GB de memoria RAM e 32/64 GB de memoria interna (segundo versións) e pantalla de 5,2 polgadas con resolución QuadHD.

A batería será de 3600 mAh, con sistema de carga rápida, e tamén terá lector de pegadas dixitais integrado no propio botón de inicio. En canto a software, xa levará de serie a última versión de Android, 6.0 Marshmallow, aínda que iso si, acompañada da capa de personalización MIUI 7.

Como comentabamos antes, está previsto que se poña á venda a finais do primeiro trimestre do ano, o que nos sitúa entre marzo e abril, e chegará en catro cores: branco, negro, dourado e rosa.

Que vos parece? Resúltavos atractivo o novo trebello de Xiaomi?

Deixa un Comentario