LG anuncia os novos auriculares Tone Infinim

LG vai quecendo os motores de cara o CES 2016, a primeira gran cita tecnolóxica do ano que comeza dentro duns días. E faino preanunciando que haberá unha renovación xeral de produto, mais tamén aclarando que aló veremos accesorios como os novos LG Tone Infinim (HBS-910).

A renovación dun dos accesorios máis populares da compañía surcoreana afecta tanto ao deseño, cunhas liñas máis actuais, como á calidade do son e á experiencia xeral de usuaria, que mellora notabelmente. A tecnoloxía de son Quad-Layer Speaker garante unha calidade superior, cun mellor balance en todos os rangos de son e un ratio de resposta que redunda en notas altas e baixos máis nítidos e ricos.

LG tamén pensou neses momento nos que nos movemos polas cidades, polo que integra uns altofalantes canceladores de ruído, que nos virán moi ben cando nos movamos entre os coches ou no transporte público.

Xunto os novos Infinim, LG actualizada a aplicación Tone & Talk para engadirlle dúas novas características: Voice Memo, coa que poderemos gravar notas de audio ou as conversas e Find Me, que como o seu propio nome indica servirá para buscar o smartphone perdido.

Os LG Tone Infinim serán postos á venda primeiramente nos Estados Unidos para logo dar o salto a Europa e Asia. Polo de agora descoñecemos cal vai ser o seu prezo aproximado.

Deixa un Comentario