Primeiros rumores do LG G5

Logo de que hai uns días vísemos os primeiros rumores arredor do Samsung Galaxy S7, agora tócalle a LG co LG G5, o seu buque insignia para este ano que vimos de comezar. Todo apunta que será un dispositivo que aunará os mellores aspectos dos dous trebellos referenciais da compañía presentados no ano pasado, o LG G4 e o LG V10.

Tres son os aspectos nos que se centrará o novo terminal de LG. O primeiro deles a fotografía, cunha solución de gran angular (135 graos) para a cámara principal de 16 megapíxeles. No caso do lente frontal, terían escollido un sensor de 8 megapíxeles.

O segundo ten que ver coa pantalla. A principal baixará até as 5,3 polgadas (o LG G4 ten 5,5), pero manterá a resolución QHD. A gran novidade é que incorporará unha segunda pantalla, como o LG V10, un trebello que aínda que non chegou a se comercializar oficialmente no noso país está a ter boa acollida noutros mercados. Grazas a ela poderemos ver notificacións sen ter que acender a principal, ou levar a cabo outras accións de control en paralelo.

O terceiro, e quizais máis especial pola súa rareza, é o Magic Slot. Trataríase dunha ranura á que poderlle conectar diversos accesorios; fálase de sistemas de realidade virtual e similares. No aire queda esta proposta, que pode ser de moita utilidade ou algo que pase desapercibido. Veremos.

A compañía ten previsto presentar o teléfono durante o primeiro trimestre do ano, aínda que seguramente será logo das dúas grandes feiras, o CES e o MWC.

Sobre o autor

No Responses

Reply