Huawei (re)anuncia o Huawei Mate 8

Malia ser pre-presentado discretamente en novembro, Huawei anunciou máis detalles do Huawei Mate 8 no CES de Las Vegas, nun evento que, agora si, serviu de posta de longo do dispositivo. O novo trebello de Huawei chega para arrasar na gama alta, sendo un dispositivo moi ambicioso en canto a prestacións e avalado por un éxito en vendas que sitúa ao fabricante como un valor en alza (ela soa vende tanto como LG, Microsoft, Lenovo e Motorola xuntas).

O Huawei Mate 8 incorpora unha pantalla de 6 polgadas e calidade FullHD (1920 x 1080 píxeles). Seguen sen dar o salto ao QHD, imaxinamos que co mesmo argumento esgrimido no MWC do ano pasado: que polo de agora non somos quen de sacarlle todo o partido a estes paneis de tan alta definición, entre outras cousas, polos contidos. Para gustos.

Indo xa ao corazón do dispositivo, volven apostar pola casa, cun procesador de fabricación propia, o Kirin 950. Ten oito núcleos, catro a 2,3 GHz e outros catro a 1,8 GHz, e está fabricado con tecnoloxía de 16 nanómetros. Aseguran que é até un 70% máis eficiente enerxeticamente falando que os modelos anteriores, o que se traduce nunha autonomía que supera os 2 días de uso intensivo. Pero hai máis, a implementación do sistema de carga rápida permite que con tan só 30 minutos de carga poidamos encher a batería (de 4000 mAh) con enerxía abonda para un día de uso.

Tamén mellora notabelmente o lector de pegadas dixitais, situado na parte posterior do trebello. Xa non é tan só por ser até un 100% máis rápido, senón tamén porque ademais dispón de máis opcións, como a posibilidade de bloquear o acceso a fotos ou a vídeos concretos, facer selfies ou coller as chamadas.

huawei mate 8 - 3

A cámara principal é un sensor Sony de 16 megapíxeles, con tecnoloxía flash DualLED e unha apertura de f/2.0. Por outra banda, a cámara frontal, tamén firmada pro Sony, é de 8 megapíxeles. Ten tamén capacidade para albergar dúas tarxetas SIM a un tempo e sairá á venda con Android 6.0 – Marsmallow e unha capa de personalización do fabricante.

huawei mate 8 - 1

Comercializaranse dúas versións, unha con 3 GB de RAM e 32 GB de memoria interna por 599 € e outra con 4 GB de RAM e 64 GB de memoria interna por 699 €. En ambos os casos admite tarxetas microSD para aumentar ditas capacidades.

Proximamente será anunciada a súa posta á venda no noso país, onde chegará en catro cores: dourado, prata, gris escuro e marrón “mocha”.

Sobre o autor

No Responses

Reply