Casio apúntase a Android Wear co Smart Outdoor Watch

Casio vén de sumarse á crecente listaxe de fabricantes tradicionais de reloxos que apostan por Android Wear, a versión de Android adaptada aos wearables. E faino ademais cun dispositivo, o Casio Smart Outdoor Watch, de aspecto deportivo e acabado ultrarresistente, capaz de ser somerxido até 50 metros de profundidade.

casio android wear - 3

Ten unha pantalla de 1,32 polgadas que non é completamente circular, pois ten unha pequena banda inferior negra, imaxinamos que, como no caso do Moto 360, para albergar algún dos sensores para o seu funcionamento. O resto de especificacións son discretas, semellantes aos dos demais reloxos Android Wear, aínda que conta con bastantes sensores, non todos especificados.

Como curiosidade, dispón de dous modos de funcionamento. Un normal, a cor e con acceso á información que proporcionan os distintos sensores do dispositivo (presión do aire, actividade, altitude, …) e outro simplificado para amosar a hora en branco e negro. Empregando este último a autonomía pode chegar ao mes.

casio android wear - 2

Polo de agora non se coñece o seu prezo exacto, que rondará os 500 dólares nos Estados Unidos, mais si que estará dispoñíbel en varios acabados, como podemos ver na imaxe superior. Que vos parece? A nós encántanos!

Sobre o autor

No Responses

Reply