Lenovo anuncia o K4 Note

A compañía chinesa Lenovo, á que pertence tamén Motorola, aproveitou a súa visita ao CES de Las Vegas para anunciar as súas primeiras apostas en smartphones para o 2016. Deles destaca o Lenovo K4 Note, un trebello que se porá á venda o 19 de xaneiro, apenas dúas semanas despois da súa presentación, por uns 180 euros ao cambio.

O dispositivo integra unha pantalla IPS LCD de 5,5 polgadas con resolución FullHD e protección Gorilla Glass 3 contra as rabuñadas e pequenos croques. En canto a hardware interno, leva un procesador firmado por MediaTek, o MT6753, de 64 bits, 3 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, que poderemos ampliar mediante tarxetas microSD de até 128 GB.

lenovo k4 note - 1

No apartado multimedia destaca a presenza de altofalantes frontais estéreo Dolby Atmos. A cámara traseira é de 13 megapíxeles tipo ISOCELL, con flash LED de dous tons e autofocus por detección de fase (PDAF). No caso da cámara frontal, Lenovo mantense nos 5 megapíxeles.

Non lle falta chip NFC, radio FM, LTE e unha batería de 3300 mAh, aínda que quizais o aspecto máis diferenciador é a presenza da tecnoloxía TheaterMax, que convrite calquera contido multimedia en realidade virtual 3D. En canto a software, sairá á venda con Android 5.1 Lollipop e a interface Lenovo Vibe UI.

O Lenovo K4 Note é unha moi boa alternativa na gama media. Só queda saber se a compañía ten previsto vender o produto fóra da India, país no que debutará. Que vos parece?

Sobre o autor

Reply