A galega Primux iníciase no eido dos notebooks co Notebook 1401

Logo de darse a coñecer polo seu catálogo de smartphones e tablets de baixo custo que funcionan con Android, a galega Primux vén de iniciar unha nova andaina, desta vez no mundo dos ultraportátiles. A empresa con sede en Ourense vén de anunciar o lanzamento do Primux Notebook 1401, un ordenador de pequeno tamaño e especificacións básicas que funciona con Windows 10 e está orientado ao ámbito educativo e doméstico.

primux notebooj 1401

Cun peso de algo menos de 1600 gramos, o Notebook 1401 ten unha pantalla HD de 14,1 polgadas. No seu interior atopámonos cun procesador Intel Atom Z8300, de catro núcleos a 1,84 GHz, que vén acompañado de 2 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna, que poden ser ampliados mediante tarxetas microSD de até 64 GB.

Estas especificacións, que nos lembran ás de calquera smartphone de gama media, complétanse coa presenza dun porto USB 2.0, un porto micro HDMI, lector de tarxetas, cámara frontal de 0,3 megapíxeles e conectividade sen fíos a través de WiFi e Bluetooth. A súa batería é de 10.000 mAh, cunha autonomía que cifran en entre 6 e 8 horas.

O novo trebello de Primux estará á venda por 269 €, unha cantidade bastante atractiva para un produto destas características e que ademáis leva instalado a suite ofimática Microsoft Office, ademais de Windows 10, o seu sistema operativo. Xa se pode reservar na súa tenda en liña, e proximamente estará dispoñíbel nos distribuidores habituais da marca.

Deixa un Comentario