Lenovo anuncia o K5 Note

A chinesa Lenovo vén de anunciar novo terminal, o Lenovo K5 Note, un dispositivo de acabados metálicos e corpo unibody que se enmarca dentro da gama media. O máis seguro é que nun primeiro momento non saia da China, aínda que como sempre poderemos importalo en canto se poña á venda nas páxinas habituais de compra de dispositivos asiáticos.

Entre as súas especificacións destaca a integración dunha pantalla IPS de 5,5 polgadas FullHD (1920 x 1080), e no seu interior ten un procesador MediaTek Helio P10 de oito núcleos a 1,8 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de memoria interna ampliábel mediante microSDs de até 128 GB.

lenovo k5 note - 1

Xa no apartado multimedia, a cámara principal é de 13 megapíxeles, con autofoco de detección de fase e flash dobre; por outro lado, dispón dun altofalante de 1,5 W con soporte para Dolby Atmos.

Ten ademais espazo para dúas SIM, sensor de pegadas dixitais situado na parte traseira e unha batería de 3500 mAh. En canto ao software, vén con Android 5.1 (Lollipop) coa interface Vibe UI, aínda que a compañía ten previsto a súa actualización a Marshmallow.

O Lenovo K5 Note estará dispoñíbel proximamente en dúas cores (prata e dourado), por uns 160 euros ao cambio, aínda que seguramente suba a arredor dos 200 euros cando se poida importar desde o noso país.

Deixa un Comentario