O 4G de R chegará en verán da man de Orange

A comezos de novembro desde Mallando no Android confirmamos que no 2016 chegaría o 4G a móbilR, movemento que deixaba a porta aberta a un hipotético cambio de operador. Hoxe podemos confirmar que, salvo contraoferta de última hora, o 4G de móbilR chegará durante o verán, aínda que baixo a rede de Orange e non de Vodafone, operador co que traballan actualmente.

Euskaltel, empresa que controla a operadora galega, está en conversas con Orange para chegar a un acordo para o cambio de rede da clientela de R, contrato que segundo as nosas fontes podería facerse público nos próximos días. Ademais, a cableira vasca tamén está a preparar todo para construír unha rede 4G propia nas principais cidades de Galiza e Euskadi (en Euskadi xa teñen algunhas antenas en funcionamento) coas licenzas de 2600 MHz.

A negativa de Vodafone de abrir o seu 4G aos operadores móbiles virtuais que empregan a súa rede faralle perder un importante cliente. R será ademais o segundo operador en abandonar aos británicos, logo de que Pepephone comezase a usar a rede de Movistar por non ter acceso ao 4G.

Deixa un Comentario