Sabémolo todo do Samsung Galaxy S7 e S7 Edge?

Hai moita espectación arredor dos novos buque insignia de Samsung, a familia Galaxy S7, que será anunciada o domingo anterior a que comece en Barcelona o Mobile World Congress.

Estes últimos días o filtrador @evleaks sorprendeunos coas imaxes de prensa dos dous modelos de S7 que teremos, a versión flat e a versión Edge, que como vedes son moi semellantes aos Galaxy S6 e S6 Edge+ do ano pasado.

samsung galaxy s7 filtrado - 2

Pero as filtracións van máis aló de amosar as imaxes, pois tamén se coñecen practicamente todas as especificacións técnicas. Para comezar, as pantallas serán de 5,1 polgadas, no caso do Galaxy S7, e de 5,5 no S7 Edge. En ambos casos falamos de paneis SuperAMOLED QuadHD (2560 x 1440 píxeles de resolución).

No interior albergarán a nova xeración de procesadores Samsung, o Exynos 8 8890, que resulta un 30% máis potente ao tempo que un 10% máis eficiente, enerxeticamente falando. Disporán de 4 GB de memoria RAM e 32 ou 64 GB de almacenaxe interna, aínda que como novidade poderán ser ampliados a través de tarxetas microSD.

Outro cambio importante atopámolo na cámara, que baixa dos 16 aos 12 megapíxeles, aínda que con maior apertura: f/1.7. Con este movemento a compañía surcoreana aspira a seguir mellorando un dos puntos fortes dos seus terminais de gama alta. Por último, tamén que virá con LTE Cat 9 (o estándar de 4G máis rápido) e protección para auga baixo o estándar IP67.

Segundo parece, porase á venda de xeito global o 11 de marzo, por uns prezos que imaxinamos serán moi parecidos aos que tivo o S6 no seu lanzamento.

Chegaremos ao día con algunha sorpresa ou estará xa todo o peixe vendido para daquela?

[Actualización 01/02/2016]. Eis o primeiro vídeo teaser:

No Responses

Deixa un Comentario