Tuenti pechará a súa rede social proximamente

No 2016 fanse 10 anos do lanzamento de Tuenti, aínda que desde o 2012 deixou de ser o piar fundamental da compañía. Agora Tuenti é pouco máis ca o operador low cost de Movistar, iso si, cunha oferta moi competitiva e funcionalidades punteiras, como VozDigital, que fan a marca aínda teña algo de significado.

Porén, a rede social está morta: o público universitario que no seu momento aupou a compañía mudouse a Facebook, Twitter e Instagram, ao tempo que as adolescentes que puxeron de moda a xeración selfie e as fotos Tuenti prefire usar Instagram ou Snapchat.

A compañía pasou de vivir a súa época dourada no 2011, cando se chegaron a subir 3,5 millóns de fotos ao día, ao caer no esquecemento. Os 1000 servidores que necesitaban para dar servizo resultan agora inútiles e supóñenlles máis de un millón de euros ao ano só de mantemento. Pero as perdas son moito maiores: entre o 2011 e o 2012 perderon 23 millóns de euros, 24 só no 2013 e arredor de 16 no 2014, o que resulta a todas luces insostíbel.

A compañía quere agora pór punto e final á rede e teñen marcha o que internamente se coñece como Project Photos, o proxecto que suporá o peche definitivo. Pero pechar unha rede social e facelo sen causar problemas ás usuarias non é tarefa doada: segundo calculan, Tuenti almacena arredor de 6000 millóns de fotos, en moitos casos, única copia das usuarias, que eliminar directamente sería un pequeno drama.

Photos será entón a alternativa que se lles dará ás usuarias para poder baixar todas as fotos de vez, sen ter que ir unha a unha. Porén, isto podería non ser a cambio de nada. Segundo parece, estúdanse moitas alternativas antes de tomar unha decisión final, que podería ser facilitar a descarga gratuitamente a clientes de móbil (ou portabilidades) ou ás que baixen a aplicación. outras filtracións máis alarmistas aseguran que as usuarias só terán acceso a unha pequena selección de imaxes, pero non a todo o seu contido.

En calquera caso, semella que tras o repentino peche de Fotolog, a Tuenti quédanlle dous telexornais. Punto e final a unha pequena parte da nosa vida, cando menos no social. Que pensades?

Vía

Sobre o autor

Reply