InstantCharge: así axuda Vodafone ás refuxiadas

A Fundación Vodafone ten unha dilatada experiencia en axuda humanitaria, especialmente en situacións de emerxencia e catástrofes, con solucións do máis diverso e interesantes.

Sen ir máis lonxe, o ano pasado durante o Mobile World Congress puidemos probar Instant Classroom, unha maleta que se convirte en aula dixital que permite ás mestras levar o coñecemento a aulas dos lugares máis remotos do planeta.

Un ano antes anunciaran unha mochila – antena 3G (Instant Network) que permitía crear unha rede de voz e datos capaz de montarse nuns minutos e dar servizo a uns cantos dispositivos, especialmente pensada para establecer comunicacións durante terremotos ou outras catástrofes naturais.

A crise das refuxiadas tamén está a facer que se desenvolvan solucións específicas para elas, polo que Vodafone puxo en marcha en novembro do 2015 Instant Charge, unha ferramenta que ofrece conexión de Internet móbil gratuíta e cargadores de batería para que as persoas que están a fuxir da guerra poidan comunicarse coas súas familias.

instant charge

Polo de agora hai instaladas 6 estacións de InstantCharge na costa de Grecia. Cada unha delas pode cargar até 66 teléfonos móbiles a un tempo, e inclúen todo tipo de cables e adaptadores para axustarse aos diferentes dispositivos. O acceso a Internet WiFi ofréceno grazas ao uso de tecnoloxías satélite.

Desde Vodafone confirman que nos últimos 3 meses máis de 35.000 persoas empregaron estas estacións para cargar os seus móbiles ou conectarse á rede. Un exemplo máis de como a tecnoloxía pode axudar a termos un mundo máis xusto.

Sobre o autor

Reply