Analizamos o Acer Z630

Acer é un fabricante que moitas asocian ao campo da informática, nomeadamente ao das pantallas e ordenadores portátiles. Porén, desde hai uns anos esta firma tamén se adica á fabricación de terminais Android, na meirande parte dos casos de gama entrada e media que se caracterizan por ter pouca personalización software.

Polas nosas mans vén de pasar o Acer Liquid Z630, presentado no IFA celebrado en Berlín o pasado mes de setembro, un dispositivo de pantalla grande e prezo baixo. Imos ollalo máis a fondo.

Deseño, acabados e conexións

O Z630 é un dispositivo grande, pero de gama de entrada. Os aspectos relacionados co seu deseño xa son unha mostra diso, pois non é un dispositivo que arrisque moito, senón que máis ben aposta por unhas liñas clásicas de bordes suavemente redondeados e acabados en plástico, aínda que, iso si, simulando o aluminio parte traseira.

acer liquid z630

Na parte frontal chama a atención o altofalante, xa que ao ser gris destaca especialmente coa estética do terminal; preto del sitúase a cámara frontal. Na parte traseira temos a cámara principal, que sobresae un chis do corpo do dispositivo, mentres que todos os botóns sitúanse no lateral dereito. Abaixo temos o conector microUSB, orientado a un lado, e na parte superior o jack 3.5 de audio.

Levantando a tapa traseira podemos extraer a batería. Xunto a ela temos os dous slots para tarxetas microSIM, ademais do espazo para tarxeta de memoria. Na parte inferior interior sitúase ao altofalante DTS, un dos sinais de identidade da marca.

Hardware e rendemento

Índonos á folla de características do dispositivo temos que no interior alberga un procesdor MediaTek MT6735 Quad Core Cortex A53 a 1,3 GHz, que está acompañado de 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, dos cales aproximadamente 10 son os dispoñíbeis para as usuarias. En calquera caso, podemos ampliar o espazo a través de tarxetas microSD, iso si, de até 32 GB.

En canto a opcións de conectividade temos o 4G LTE, hoxe básico en dispositivos de calquera gama, e Bluetooth na súa versión 4.0, ademais de, por suposto, WiFi 802.11 b/g/n. Non ten NFC, nin tampouco xiroscopio, un sensor que nos limitará para algunhas opcións de xogabilidade ou posicionamento.

Malia ter unhas especificacións xustas, no día a día o dispositivo móvese bastante ben, algo no que afecta non ter demasiada carga software. Forzando a apertura de motias aplicacións a un tempo ou empregando xogos medinamente potentes, acusa pouco lag e un rendemento máis ca aceptábel.

Sistema operativo

O dispositivo véndese con Android 5.1 – Lollipop, cunha lixeira personalización chamada Acer Liquid UI, que apenas modifica Android stock. Basicamente esta personalización atopámola na presenza de aplicacións e ferramentas de Acer, como un feed de novas e actualizacións sociais e de calendario (unha especie de mixtura de Google Now e o Blinkfeed de HTC), AcerNav (para facilitar o uso como navegador GPS en vehículos, xogos, étc.

Tamén fixeron algún que outro axuste na barra de notificacións e acceso rápido, entre os que destacan as opcións flotantes (ferramentas útiles que podemos empregar por riba doutras apps, como notas, calculadora ou calendario) ou os xestos sobre a pantalla para abrir a cámara, que funciona mesmo con ela apagada.

Pantalla

No que ten a ver coa pantalla, integra un panel IPS de 5,5 polgadas con resolución 1280 x 730 píxeles, o que vén a dar unha densidade de 267 ppp. Resulta algo escasa para as necesidades actuais, sobre todo nun panel deste tamaño, aínda que realmente vese bastante ben. A súa maior eiva é o escaso ángulo de visión, o que se traduce en certa deformación das cores cando non estamos a ollar de fronte a ela.

Cámara

Ambas cámaras son sensores de 8 megapíxeles con autofocus e gravación de vídeo FullHD 1080, aínda que no caso do sensor traseiro está acompañado dun flash LED. En ambos os casos, como adoita ser habitual nestas gamas de produto, os resultados son aceptábeis cando as estamos a usar con boas características de luz, mais perden caldiade cando as condicións non son óptimas.

Mención á parte merece a aplicación de cámara que trae instalada, que integra numerosos modos de funcionamento e opcións para axudarnos a mellorar as nosas instantáneas.

Podedes ver unha mostra na nosa galería de Flickr.

Batería

A batería ten unha capacidade nominal de 4000 mAh, que nas prácticas resultou máis ca abonda para superar con creces o día de uso, chegando aos dous cando somos máis moderados. É pois un dos aspectos destacábeis do dispositivo, aínda que se bota en falta a compatibilidade coa carga rápida.

Conclusións

O Acer Liquid Z630 é un dispositivo bastante equilibrado, orientado a persoas que queren ter unha pantalla grande pero que non precisan grandes especificacións de hardware nin queren gastar moitos cartos nun dispositivo. Custa 190 € e pódese mercar aquí.

Deixa un Comentario