Xa podemos mercar o móbil máis barato do mundo por só 3 euros

Unhas 500 rupias. Ou o que é o mesmo, pouco máis de 3 euros. É o que custa este smartphone, o Freedom 215, resultado dunha colaboración do goberno indio e o fabricante Ringing Bells. Iso si, o prezo é subvencionado para tentar democratizar as comunicacións na India.

freedom 215

Por este prezo, as súas especificacións son superiores ás que puidéramos imaxinar: conta cunha pantalla IPS qHD (960 x 540 píxeles) de 4 polgadas, procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, 1 GB de memoria RAM e 8 GB de memoria interna, ampliábeis por microSD.

A cámara principal é de 3,2 megapíxeles, e a frontal de 0,3 Mpx. En canto á batería, ten unha capacidade de 1450 mAh. Mais quizais o máis sorprendente é que vén con Android 5.1 e unha capa de personalización que inclúe unha chea de aplicacións preinstaladas para granxeiras, pescadoras, seguridade para as mulleres… e mesmo educativas para que a poboación se conciencie en temas como a ecoloxía.

O proxecto arredor deste terminal é semellante ao que supón Android One. Como lembraredes, esta iniciativa de Google tiña como obxectivo inicial achegar tecnoloxía de calidade a prezos axustados a países como a India, aínda que posteriormente tamén apareceron trebellos como o Bq Aquaris A4.5, que se afasta un pouco desa filosofía inicial.

Sobre o autor

Reply