Samsung anuncia o Galaxy S7 e Galaxy S7 Edge

O Samsung Galaxy S7 e o Samsung Galaxy S7 Edge xa son oficiais. A estas alturas xa coñeciamos practicamente até o último detalle dos novos dispositivos de referencia do fabricante surcoreano, mais faltaba pasar o Unpacked de rigor no que facelos oficiais. Un evento bastante especial, con bastante espectáculo e as Gear VR como grandes protagonistas.

O evento foi confirmando unha a unha todas as especificacións e funcionalidadesque xa fóramos vendo, e que veñen a evidenciar que temos uns dispositivos á altura do que se agardaba deles, corrixindo aqueles detalles que era preciso limar nos modelos anteriores para termos uns trebellos máis redondos, metaforicamente falando.

Deseño continuísta, dous tamaños de partida

O Unpacked de 2015 deixaranos dous S6, unha versión flat (estándar) e outro Edge (pantalla curva). Meses despois chegaría unha versión máis grande do curvado, o S6 Edge+, cunha pantalla que acadaba as 5,5 polgadas, que gozou de bastante éxito (seguramente tamén pola asencia do Note 5 no noso país). Desta vez Samsung decidiu non repetir a mesma estratexia, e directamente anunciou un Galaxy S7 con pantalla de 5,1 polgadas e unha versión S7 Edge que sube até as 5,5.

s7

Polo demais, e xa centrándonos no deseño, desta vez temos unhas liñas moi continuistas co S6, aínda que cuns ángulos máis curvados e corrixindo pequenas cousas, entre as que destaca a reducción de case 1 mm no espazo que ocupa a cámara.

Especificacións

As especificacións son unha actualización das características técnicas do ano anterior, aínda que volvendo á dispoñibilidade de diferentes procesadores segundo o mercado (Exynos nalgúns, Qualcomm no caso do que chegará ao noso país), unha batería significativamente de maior tamaño e unha mellor cámara. Eis a listaxe:

  • Pantalla de 5,1 / 5,5 polgadas (QuadHD SuperAMOLED).
  • Procesador Exynos 8890 ou Qualcomm Snapdragon 820
  • 4 GB de memoria RAM
  • 32, 64, 128 GB de memoria interna (ampliábeis por microSD de até 200 GB)
  • Cámara principal de 12 Mpx, con apertura f/1.7
  • Cámara frontal de 5 Mpx.
  • 3000 mAh / 3600 mAh (con carga ultrarrápida e sen fíos)
  • LTE Cat 9, sensor de pegadas dixitais, NFC
  • Resistencia á auga (IP67)
  • Android 6.0.1 Marshmallow

Cámara

Para moitas foi unha sorpresa “baixar” dos 16 aos 12 megapíxeles, mais como temos comentado varias veces neste blog, máis megapíxeles non significa mellores fotos. Samsung vén de apostar por un sensor fabricado por eles mesmos, un ISOCELL de 12 megapíxeles con apertura f/1.7 e unha nova tecnoloxía de enfoque, aínda máis rápida que no S6.

Tamén, e como vén sendo habitual en Samsung, hai unha clara aposta polo software de procesado das imaxes, que unida á parte hardware dan como resultado unhas imaxes realmente impresionantes. Destaca a posibilidade de controlar manualmente todos os parámetros, como xa vimos no LG G4 (2015), e a opcionalidade do formato RAW.

Batería

A maior eiva do S6 e do S6 Edge foi sen dúbida a batería, demasiado escasa. Isto corrixiuse posteriormente no S6 Edge+. e agora a nova xeración Galaxy S7 volve apostar por ela, aumentando a capacidade en ambos modelos e mellorando a carga rápida, xa que en tan só media hora aumentará un 80%.

Pantalla

Samsung segue sen apostar polos paneis de 4K nos seus Galaxy S7, que usarán paneis SuperAMOLED con resolución QHD, que tan bo resultado lles están a dar. Porén, as pantallas deste ano van un paso máis aló ao incorporar a tecnoloxía AOD (Always On Display) permite ver notificacións na pantalla cando está inactiva, é dicir, iluminando só unha parte dela para aforrar batería, mentres que a sensibilidade de presión analiza a forza coa que prememos sobre o panel para acceder a diversas opcións.

s7 4

Dispoñibilidade

Os novos Galaxy S7 e Galaxy S7 xa se poden reservar en tendas físicas ou na tenda online de Samsung cun PVP de 719 € y 819€ respectivamente, aínda que se porán á venda o día 11 de marzo. Ademáis, todas aquelas que fagan a prerreserva levarán de agasallo unhas Gear VR.

Que vos parecen?

Sobre o autor

No Responses

Reply