A prevenda do LG G5 comeza o 18M nos USA. Tamén en Europa?

O pasado domingo LG anunciou o moi agardado LG G5, que non só é o mellor terminal de LG construído até este momento, senón que ademais ten a honra de ser o primeiro dispositivo modular con vocación comercial.

Porén, e aínda que todo o mundo daba por feito un golpe de efecto da compañía surcoreana, que fixo coincidir o lanzamento co Samsung Galaxy S7, a presentación rematou sen que LG informase da data de comercialización ou o seu prezo.

Por fortuna, Best Buy vén de anunciar que abrirán a prevenda o 18 de marzo, o que vén a confirmar a data para os Estados Unidos, que seguramente acabará por ser o mesmo para Europa. O que non se comentou desde Best Buy foi o seu prezo, aínda que a nosa aposta pasa por un PVP inicial de 599 €.

LG G5

O LG G5 incorpora unha pantalla QuadHD IPS Quantum (2560 x 1440 / 554 ppp) de 3 polgadas con tecnoloxía Always On, procesador Qualcomm SnapDragon 820, 4 GB de memoria RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 2 TB.

A cámara principal ten dobre lente, de 16 e 8 megapíxeles, o que lle permite sacar fotos en gran angular, mentres que a frontal é de 8 megapíxeles. Dispón dunha batería de 2800 mAh e vén con Android 6.0 Marshmallow.

Estará dispoñíbel en catro cores: prata, titanio, dourado e rosa.

Sobre o autor

No Responses

Reply